Tempo de Advento
Neste tempo de Advento atopamos un fío común aos textos dos catro domingos, un fío que nos convoca a construír vieiros de liberación para todas e todos nós, no persoal e no comunitario. Deus Pai e Nai insiste unha e outra vez en chamar por nós, en reclamar a nosa participación, en animarnos para “preparar o camiño ao Señor”. Nada máis alleo a nós que esa relixiosidade apática e inmobilista de quen agarda a súa “salvación” porque non fixo mal ningún… Lembremos que Xesús so maldí unha vez, á figueira que non deu froito. Temos, pois, a obriga de dar froitos, o compromiso de construír día a día o Reino de Paz, Xustiza e Fraternidade: so así Deus habitará de novo entre nós como unha presenza próxima e agarimosa. E a Humanidade toda poderá agromar de novo e, como María, sentirse preñada da graza de Deus.
Domingo 3 de Decembro Domingo 1º de Advento “Estaremos sempre nos teus vieiros”
Isaías, hai moitos séculos, xa se atopaba co extravío da xente que se afastaba do camiño liberador do Deus Pai e Nai. Isaías xa recoñecía que a súa xeración, como a nosa, tiña o corazón endurecido, presa do egoísmo, do individualismo, da procura da satisfacción persoal á costa da indiferenza ante a dor allea. Velaí a chave: dor ‘allea’ porque era a do próximo entendido como o outro, que non tiña nada que ver comigo. Ese é o pecado, o camiño errado: non decatarse de que o vieiro ‘salvador’ é tamén, necesariamente, o vieiro da xustiza, o vieiro da fraternidade, o vieiro da com-paixón.