Espazo para repensar a nosa comunidade (5)

Encontro de reflexión 25 de novembro de 2023
Tras a lectura da acta anterior, houbo unha petición por parte de Juan de que se falase no momento que consideremos axeitado dun aspecto relacionado co bloque anterior que quedou pendente: que podemos ofrecer ás persoas que se achegan á nosa parroquia e comunidade dende diversos ámbitos, como as familias da educación na fe, as celebracións…
Xa dentro do tema da acción social, limos o documento de reflexión e, en primeiro lugar, solicitouse e acordouse aceptar a inclusión no texto (tanto na parte histórica como na do que mantemos hoxe en día) do traballo que se fai dende o Movemento Cidadán e as asociacións vinculadas dende sempre á nosa parroquia, pois son causas animadas desde o compromiso cristián por persoas da comunidade.
Tras facer un percorrido polo que se está a facer na actualidade, aportando información, aclaracións e suxestións ao respecto, reflexionamos sobre o que habería que reforzar e como facelo, e sobre cal deberían de ser as prioridades.
En primeiro lugar, parece que é moi importante manter a dimensión do reivindicativo e da denuncia porque forma parte do noso ADN, e porque é unha acción transformadora en si mesma, que dá visibilidade aos problemas e esixe solucións a quen lle corresponde. Por tanto, unha prioridade sería seguir denunciando.
En segundo lugar, preguntámonos se queremos ou debemos impulsar accións concretas dende o acompañamento ás persoas que sofren e como facelo dende a creatividade e sen sentir a frustración que supón enfrontarse a problemas sistémicos que escapan da nosa capacidade de solución.
Nese sentido, apuntouse que un obxectivo podería ser chegar ás persoas que sofren a soidade e tamén ofrecer como comunidade espazos de acollida para todo o mundo, especialmente para as persoas máis necesitadas. Podería aproveitarse para ese fin o que xa existe (pastoral dos coidados, ofertas das asociacións, xuntanzas mensuais abertas…), ou pensar se convén botar a andar algunha iniciativa.
Por último, pensamos en como abordar o tema das propostas concretas neste eido e, tras ter valorado consultar previamente ás comunidades, acordamos que primeiro tentaremos concretar propostas na vindeira xuntanza do 9 de decembro ás 10:30. Para isto, pídese que quen teña propostas as faga chegar para recoller todas nun documento previo á xuntanza, que se enviará polo grupo de avisos. Enviarase tamén con antelación a acta desta xuntanza.