O vindeiro sábado, 18 de novembro, a partir das cinco da tarde, no parque da Bouza, xunto ao estanque, celebraremos a nosa Festa do Magosto, como ven sendo tradición, con castañas, viño novo e música popular galega, grazas a actuación do Grupo folclórico de gaitas «Rueiro» (Coia).
Ademais, como tamén se fixo outros anos, durante a festa haberá tamén tempo para a reivindicación do Centro Cultural e para apostar por unha economía alternativa e transformadora co desenvolvemento da Mesa de Troco: unha oportunidade para compartir o que non usamos pero que aínda pode ser de utilidade para outras veciñas e veciños.
Organizan o Movemento Cidadán «O Noso Barrio», a Asociación de mulleres «Dorna» e o Centro Cultural «Rueiro». Por unhas festas feitas pola veciñanza, entre todas, que procuran espazos de ocio e convivencia para peques e maiores, onde combinar música, troula, cultura popular, reivindicación, denuncia e construción de alternativas…
Toda a veciñanza está convidada! Non faltedes!