Espazo para repensar a nosa comunidade (3)

Tras unha introdución na que coincidimos co diagnóstico da situación da nosa comunidade que facía o texto que tomamos como punto de partida, e cunha solicitude previa de que poñamos data e motivo en cada novo texto que se achegue para a reflexión neste espazo, mantivemos un interesante diálogo no que tentamos xa de ver por onde debían ir as propostas de alternativas concretas.


Coincidimos en que seguimos a ter o convencemento de que é vital vivir a nosa fe en comunidade e que iso debe axudarnos a superar calquera desánimo, pero que a realidade que vivimos hoxe é totalmente diferente a do pasado (non só polos números, aínda que tamén) e que é necesario que o asumamos e que nos adaptemos para poder seguir adiante, mellorando a nosa vida comunitaria. Falamos de que houbo unha perda de identidade e de que o que nos uniu e deu pulo no pasado xa non nos une nin anima agora; da falta de obxectivos ou accións comúns; de que as relacións entre as persoas das comunidades foron empobrecéndose polas dificultades ou as tensións, e que é un aspecto que hai que seguir coidando para recuperar un xeito de relacionarnos máis fraterno; de que o espírito crítico e a sensibilidade polo social teñen que seguir sendo definitorios do que somos, pero que necesitamos adelgazar ou decrecer nas esixencias ante a imposibilidade de chegar a todo, priorizando, por exemplo, tres aspectos para que as comunidades poidan asumilos soas ou agrupándose entre varias, e que no social quizais teñamos que pensar en acompañar as loitas que outros lideran máis que en liderar nós.


Falamos tamén da importancia para o comunitario das relacións persoais e os coidados; de que debemos aspirar a seguir sumando xente ao noso proxecto, pero que para atraer a outras persoas é imprescindible que vivamos a nosa opción dende a alegría, porque se o que transmitimos é agobio e ue estamos queimadas, ningunha persoa vai sentirse atraída por este estilo de vida; das dificultades no liderado; da importancia que debería seguir a ter o compromiso coa cultura galega ou coa loita das mulleres; de que quizais a necesidade máis evidente na contorna sexa o da soidade das persoas maiores ou mesmo o repuntar da droga entre a mocidade; de que para algunhas persoas o barrio segue a ser un referente fundamental, pero que quizais hoxe xa non ha de ser a única ollada nin a
máis importante; de que é necesario respectar os nosos diferentes ritmos e posibilidades. E algunhas posibles alternativas que se apuntaron relacionadas expresamente coa estrutura comunitaria, foron:

  • Establecer un encontro de todas as persoas da gran comunidade cunha periodicidade mensual (ou a que se considere) cun contido que pode ir cambiando segundo as circunstancias (espazo de encontro para potenciar as relacións persoais, reflexión sobre un tema, preparación de celebración especial, organización dalgunha actividade común…). Pero debería ser un espazo novo que non “nos pese”, senón que anime e que contribúa a alixeirar o peso do que temos que facer, non ao revés.
  • A posible fusión das comunidades con menos xente e a creacións de espazos intermedios.
  • Encontros comunitarios abertos en días da semana concretos e que cada quen se una cando lle conveña, con dúas persoas animadoras laicas escollidas pola comunidade .
  • Artellar dende a creatividade o mellor xeito de axudar e animar ás comunidades con máis dificultades para seguir adiante, para que poidan atoparse con outras e así sexa posible que se sintan parte da gran comunidade.
  • Finalmente fixamos a data das dúas vindeiras xuntanzas o 11 e o 25 de novembro ás 10:30, así como a dinámica da primeira dela, para a que se achegará un documento previo: nun primeiro momento centrarémonos en facer propostas concretas para a reorganización comunitaria, dende o consenso de manter as pequenas e fortalecer a grande. Nun segundo momento, se dá tempo, centrarémonos xa na reflexión que nos leve a fixar prioridades
    de cara o futuro, con obxectivos parciais e posibles accións comúns.