Hoxe, sábado 16 de setembro, ás dez e media da mañá, iniciamos unha nova andaina, un novo curso, cunha xuntanza aberta na que acodiron ao redor de sesenta persoas. Había ben tempo que non nos reuníamos en número tan elevado, o que nos amosou que sopran ventos de cambio, si, pero tamén de ilusión e esperanza ante un futuro que temos que construír entre todas.
Como quedaramos na asemblea de xuño, hoxe iniciamos un proceso de fonda reflexión, que se prolongará ao longo de todo o trimestre, sobre a estrutura e a actividade da nosa parroquia a fin de buscar un modelo que se adapte aos nosos tempos e forzas.
Centrámonos no noso modelo organizativo e contrastamos diversos puntos de vista e experiencias sobre a pequena e a gran comunidade. Foi moi gratificante ver as ganas de participar, escoitar as verbas de alento, sentir o desexo de pular por unha comunidade con raíces ben fondas pero aberta a recrearse unha e outra vez para servir mellor ao proxecto de Xesús de Nazaret.