Hoxe, sábado 10 de xuño, xuntámonos para celebrar, como todos os anos por estas datas, a nosa Asemblea Parroquial, onde fixemos repaso de todo o feito e das nosas inquedanzas para construír un futuro mellor.
Ás dez e media da mañá comezamos a asemblea facendo repaso das principais aportacións que se nos ocurrían en relación coa labor dos distintos ministerios da nosa parroquia. Foron xurdindo temas diversos que daban boa mostra do compromiso e do interese de todas e todos co día a día da nosa comunidade.
Tras un descanso a media mañá para compartir un café ou un chocolate con biscoitos, afrontamos con forzas renovadas a segunda parte da asemblea. Desta vez tratábase de abordar os retos de futuro, e aquí decidimos centrar as nosas forzas na conformación dun espazo de traballo e reflexión que comezará a camiñar en setembro e terá como obxectivo repensar as bases, as estruturas, as dinámicas e as linguaxes para dar un impulso novo ao devenir parroquial e comunitario.
Finalmente, reunímonos nun xantar no que seguir compartindo, festexando, reflexionando e disfrutando da compañía e da palabra dos nosos irmáns e irmás.
Seguimos -e seguiremos- cultivando sementes de futuro…