Onte, venres 19 de maio, ás 21:30, tivemos a oportunidade de coñecer a experiencia de Voluntariado Internacional de Iria Barreiro na cidade fronteiriza de Arica (ao norte de Chile). Iria, que foi destinada a Chile polo Servizo Xesuíta a Migrantes, ofreceunos as súas reflexións e vivencias con poboación migrante de toda Latinomérica.
Cun discurso moi traballado e dende a sensibilidade a flor de pel da experiencia persoal vivida durante un ano en contacto directo coa realidade da zona, conseguiu achegarnos a súas impresións e contaxiarnos as súas emocións.
Falounos da súa formación como voluntaria, das primeiras sensacións, das rutinas e do traballo diario en Chile, da acollida e do acompañamento (a súa tarefa principal), da cultura e da sociedade, dos costumes e das anécdotas, da alegría e da esperanza, pero tamén da dor e da inxustiza.
Iria explicou que a poboación migrante que chega ao norte de Chile é a máis empobrecida e, ademais, é vítima das mafias e da explotación a que se ve abocada pola súa situación non regularizada. A todos estes factores engádese, por desgraza, unha violenta discriminación por parte da poboación local, igual que está a suceder noutros países, entre eles, aínda que sexa triste dicilo, o noso.
É difícil non conmoverse ante relatorios como o de Iria; é difícil non conmoverse ante a pobreza, ante os discursos do odio, ante a violencia, ante a inxustiza; pero tamén é difícil non conmoverse ante a valentía e o compromiso de persoas novas como Iria, que son quen de deixalo todo para axudar e acompañar, que viaxan ao Sur (hai moitos sures, como lembraba Iria) para poñerse do lado das vítimas, e que saben, sobre todo, contaxiar ilusión e esperanza no futuro, na construción dese outro mundo posible, necesario e urxente.
Parabéns, Iria, polo teu exemplo solidario. E grazas por con-movernos para seguir a camiñar na procura do Reino…








