Crónica do Encontro con Agustín Rodríguez Teso

Onte, sábado 22 de abril, celebramos a Xuntanza de Comunidades, que desta vez veu acompañada e enriquecida coa visita de Agustín Rodríguez Teso, cura da Cañada Real e na parroquia de San Fermín, en Madrid. Aínda que tiñamos previsto desenvolver a xornada en Vilán, finalmente a previsión climatolóxica levounos a decidir quedarnos en Vigo, nos locais la parroquia do Cristo da Vitoria.

Pola mañá, Agustín ofreceunos un relatorio no que nos levou a percorrer a súa traxectoria vital como cristián comprometido. Moitas e moitos de nós sentímonos reflexados nas palabras de Agustín: dende a ilusión inicial dos anos 80, nos que parecía que podíamos de verdade cambiar o mundo para sempre; ata a decepción posterior, nos anos 90, trala crise económica, a profesionalización dos servizos sociais e a constatación, en fin, de que baixo os adoquíns non se atopaba area de praia. Nos anos dous mil veu, en definitiva, a crise persoal e colectiva, que nos levou a asumir a nosa pequenez e a recoñecer que os tempos de Deus, os tempos do pobo, non son os tempos das nosas vidas persoais, moito máis pequenos e limitados.

Tras este percorrido persoal e comunitario, Agustín centrouse no que podemos facer nestes anos que nos toca vivir, que non son os das décadas pasadas. Foi precisamente o recoñecemento dos erros do pasado o que, segundo Agustín, nos permitiu comezar de novo partindo de varias ideas clave: o respecto, a confianza e a responsabilidade. É dende estas actitudes dende onde podemos xerar espazos que constrúan o Reino. Pero tamén debemos elixir os nosos compromisos, sen pretender abarcalo todo, sen pretender adoctirnar, sen deixarnos queimar pola desmotivación ou o exceso de ‘activismo’. Debemos ser ‘pontífices’, no sentido de construír pontes, de tender mans e de ofrecer espazos de diálogo e comunicación, porque no Reino teñen que estar todos e todas, ninguén pode quedar fóra (a non ser que el ou ela non queiran participar do banquete da comuñón).

Ao longo da súa charla, Agustín aportou numerosas experiencias persoais, algunhas duras, outras cómicas, todas con-movedoras. Como deixou claro tanto pola mañá como pola tarde, onde tivemos con el unha longa tertulia tralo xantar comunitario, deberíamos orar as 24 horas do día, adoptando a mirada de Xesús cando contemplamos a nosa realidade e actuamos para transformala. Podemos, e debemos, afrontar as des-grazas alleas e propias para recuperar a graza e a felicidade que Deus quere para nós. Niso consiste, ao fin e ao cabo, anunciar a boa nova do Evanxeo.

Grazas, Agustín. Grazas polas túas verbas sinxelas pero fondas, polo teu camiñar comprometido, polo teu exemplo de vida, radicalmente cristián.