Palabras que nos alentan: «Eu son a resurrección e a vida»

5º DOMINGO DE CORESMA (26 de marzo)
Chegamos hoxe ao quinto e último domingo de Coresma. As verbas de Xesús leváronnos, ao longo destes cinco domingos, a renunciar aos nosos egoísmos, a superar todos os medos, a construír un mundo fraterno e a denunciar as inxustizas da nosa realidade. O texto do evanxeo, coa resurrección de Lázaro, lémbranos o que vén sendo a idea motriz de todo este tempo coresmal: a palabra de Xesús fai miragres, resucítanos a unha nova vida, unha vida plena, que florece no medio dos desertos, que nunca murcha, que endexamais se agosta. A voz de Deus dixo: “Escoitádeo”. Aínda resoa ao longo dos tempos, reclamando a nosa resposta…

Xesús díxolle:

– Teu irmán resucitará.

Marta respondeulle:

– Ben sei que resucitará na resurrección, no día derradeiro.

Díxolle Xesús:

– Eu son a resurrección e a vida. Quen cre en min, aínda que morra, vivirá; e todo o que vive e cre en min, non morrerá endexamais. ¿Cres ti isto?

Ela respondeu:

– Si, Señor: eu creo que ti es o Cristo, o Fillo de Deus, que había de vir ó mundo. (Jn 11, 23-27)

Jn 11, 23-27