4º DOMINGO DE CORESMA (19 de marzo).
Fagamos memoria do percorrido que estamos a facer neste Tempo de Coresma: nos anteriores domingos pedíanos superar os egoísmos (1º domingo), vencer os medos (2º domingo) e comprometernos cunha vida fraterna e xusta (3º domingo), porque así saciaríamos a nosa sede de verdade, a nosa sede de Deus.
No evanxeo de hoxe, cuarto domingo de Coresma, Xesús dá a vista a un home cego de nacemento. Agora, por fin, podemos mirar o mundo con outros ollos, libres xa das nosas cegueiras egocéntricas. Pero iso ten unha contrapartida: actuar en consecuencia. Hoxe tamén, Pablo, nunha das súas epístolas, anímanos a camiñar como fillos da luz (que nos ofrece froitos de bondade, xustiza e verdade) e a denunciar as escuridades que nos oprimen.
Porque ao mesmo tempo que construímos unha vida persoal e comunitaria xusta e fraterna, ao mesmo tempo que nos abrimos a realidade de Deus, debemos de-construír e denunciar os prexuízos, os convencionalismos e os poderes que, no persoal e no comunitario, no local e no global, impiden desenvolver ese outro mundo posible e necesario, o Reino soñado por Xesús de Nazaret.