Círculo de Silencio pola Paz

CÍRCULO DE SILENCIO DA REDE SOCIAL GALICIA SUR POLA PAZ E A NON-VIOLENCIA.

xoves 2 de febreiro ás 20:00, xunto á Farola de Urzáiz, a Rede Social Galicia Sur convocou un novo Círculo de Silencio, desta vez para lembrar o Día da Paz e a Non-Violencia, que se conmemora para lembrar o asasinato de Gandhi un 30 de xaneiro. Resumimos de seguido algunhas ideas do seu manifesto:

Nós, a pesares do desgaste da palabra Paz (como de todas as grandes palabras), que hoxe parece baleira de sentido, seguimos a crer no seu poder liberador e revolucionario.

Por iso condenamos a guerra de Rusia contra Ucrania, e condenamos tamén outras guerras ignoradas polos medios de comunicación. Igualmente, queremos lembrarnos da situación do Sahara, antiga colonia do estado español traicionada por este a cambio de acordos vergonzantes con Marrocos. Tamén denunciamos o aumento dos orzamentos para o gasto militar e o control armado das nosas fronteiras, onde a violencia parece ser a única resposta do estado ante a presión dos movementos migratorios.

Por último, denunciamos tamén a normalización dunha cultura mediática onde a violencia física e verbal son cada vez máis intensas e frecuentes (en redes sociais, en videoxogos, en medios audiovisiuais…), afectando sobre todo á nosa mocidade. As violencias sociais, intrafamiliares, machistas, relixiosas, xenófobas, maniféstanse cada vez con máis virulencia, e acéptanse pasivamente, como se fosen inevitables, como se fosen parte de noso modo de vida.

Por iso apelamos á veciñanza para que, dende a súa cotianeidade, se comprometa activamente con formas de falar e actuar que se baseen no respecto, na escoita, no diálogo e, en definitiva, na paz e a non violencia.