Unha vez máis, as organizacións que conformamos a Rede Social Galicia Sur convocamos un novo Círculo de Silencio, que se celebrou o pasado xoves día 1 de decembro ás 20:00 en Praza de América.
Desta vez quixemos saír a rúa para lembrar que tralo escaparate desta festa perpetua do Nadal hai moitas veciñas e veciños que sofren na escuridade a insuficiencia de recursos e de axudas para sair da precariedade…
Levamos semanas, mesmo meses, escoitando nos medios que as comunidades de veciños non ían a poder pagar as calefaccións, cando menos nas mesmas condicións que viñan tendo en anos pasados; levamos meses sabendo que o gas, o gasoil, a luz, ían encarecerse considerablemente, mesmo que podía haber problemas de subministración. E levamos meses tamén sen escoitar unha soa solución satisfactoria, sen escoitar unha palabra de esperanza, unha medida concreta realmente eficaz, dirixida as persoas e colectivos en situación de maior vulnerabilidade. Négamonos a ser cómprices deses silencios, desa indiferencia.
O 26,8% dos fogares galegos non gastan nin a metade do preciso para ter condicións saudables de luz, calefacción ou auga sanitaria… o que converte á nosa comunidade nunha das máis empobrecidas do estado español neste aspecto. Estamos a falar de un de catro fogares, que non teñen recursos para facer da súa vivenda o seu fogar… e aínda así, o atraso nos pagos das facturas enerxéticas aumentou de forma moi notable.
Moitas familias, moitos veciños e veciñas da nosa cidade, en definitiva, pasan frío e malviven en vivendas insalubres e dañinas. Por conseguinte, precisamos e demandamos cumprir compromisos como acabar co chabolismo e a infravivenda, garantir medidas que faciliten o illamento térmico e a rehabilitación de vivendas en malas condicións e construír vivenda nova social para as persoas que máis as precisan. E, por suposto, poñer en práctica medidas efectivas e áxiles para garantir o acceso suficiente ás subministracións básicas de luz, auga e calefacción.
As luces non poden deslumbrarnos. Non poden volvernos cegos ante os problemas, nin insensibles ante o sufrimento de moitas veciñas e veciños. E a música que se escoita acotío neste tempo de Nadal, a festa continua que parece servir de escaparate da nosa cidade, non deben volvernos xordos nin cegos ante a dor que se oculta, que se esconde na escuridade. Que as seduccións das mercadorías, das luces e da música de Nadal non nos anestesien ante o berro silencioso da pobreza…




