Co comezo do curso comezou a catequese, como xa anunciamos no seu día. Hoxe queremos compartir con vós unha imaxe entre moitas, unha imaxe que fala do compromiso das familias e de moitas compañeiras e compañeiros da nosa parroquia coas crianzas do barrio.
Nesa imaxe condénsanse un certo paradoxo. Cando todo parece indicar que as nosas igrexas se baleiran, cando parece que so as persoas máis maiores se deixan ver polas parroquias, cando se espalla a impresión de vivir nunha permanente crise eclesial, reconforta mirar a nenos e nenas acompañados dos seus pais, persoas aínda novas, que elixen este camiño. Ante a masiva invasión de infinitas ofertas de ocio, fronte a custosas e innovadoras propostas formativas, estas familias optan por un modelo que aposta por unha educación integral baseada nos ‘contravalores’ cristiáns, que nos obrigan a ir a contracorrente, a practicar o amor fraterno, a comprometerse coa transformación da realidade, a estar sempre xunto ás persoas máis necesitadas e vulnerables, a elixir os últimos lugares para servir aos demais…
Beizóns a estas familias, a estes nenos e nenas, porque eles e elas son o futuro, o futuro de quen cren nun mundo mellor!