Campamentos Vilán 2022

A semana pasada a nosa comunidade do Cristo da Vitoria repetiu unha tradición que xa ten moitos anos: os campamentos en Vilán das rapazas e rapaces de Educación na Fe.

Tralo paréntese de dous anos, obrigado pola pandemia do covid, retomamos por fin os nosos entrañables campamentos de verán. O venres 1 de xullo os máis peques, os nenos e nenas de iniciación e comuñón, agardaban a chegada do seu autobús ilusionados e nerviosos ante unha nova experiencia, no seu caso dunha fin de semana chea de actividades, aprendizaxes e, sobre todo, vida compartida. A pesares de que para algunhas das crianzas a proposta era difícil por separarse da súa familia durante un par de días, á súa volta as súas miradas de alegría eran o mellor agasallo para todas as persoas que os agardaban.

O mesmo domingo no que chegaban as máis peques, os grupos de poscomuñón subían ao mesmo bus para afrontar a aventura de pasar toda unha semana en Vilán, ‘desconectados’ do mundo e conectados cunha desas experiencias que te marcan e te transforman, que te fan crecer e madurar nuns poucos días de vida compartida. Moitas das monitoras e monitores foron tamén nenos e nenas que viviron esa mesma experiencia no pasado, e agora recollen os seus froitos e os queren compartir coas novas xeracións. ¿Que mellor agasallo? ¿Que mellor exercicio de construír comunidade dende as raíces e a experiencia? ¿Que mellor forma de vincular pasado e presente para configurar un futuro de esperanza para a comunidade e para a súa contorna?

É moito o que hai que agradecer a estas monitoras e monitores, a estas e ás que no pasado desempeñaron o mesmo papel. Porque elas e eles foron e son construtores de futuro, sementes de esperanza, xermen dun mundo mellor encarnado en todos estes rapaces e rapazas. En Vilán aprenderon a convivir comunitariamente, é dicir, a compartir, a comunicarse, a empatizar, a coidarse… e a desfrutar do agasallo da vida compartida. Nunca como hoxe esta experiencia foi tan necesaria, tan rupturista, tan contracultural, fronte ao auxe do individualismo, da tecnoloxía e da industria do ocio como única proposta de entretenmento para os nosos nenos e nenas.

Como pequena gran testemuña do seu bo facer e da súa preocupación pola contorna, deixámosvos un par de enlaces sobre a súa participación en sendeiros rehabilitados e recuperados polas asociacións locais, unidas na plataforma «Encoro Non», actividade que serviu tamén para denunciar as políticas da Xunta contra a vida nos nosos montes con construcións tan agresivas para o medioambiente como o encoro proxectado nesa zona:

E tamén, sobre a mesma temática, ofrecemos máis abaixo unhas imaxes do traballo que fixeron no campamento apoiando e explicando as reivindicacións da plataforma.

Por moitos anos máis de campamentos de verán, por moitos anos máis de convivencias en Vilán da nosa rapazada!