Hoxe, Domingo de Ramos, ábrese un dos momentos centrais do calendario parroquial: a Semana Santa. Este ano eliximos como lema común para toda a Semana o seguinte: “Coidar da vida para vencer o medo”.
Despois do tempo de Coresma, presidido polo lema “Sementando no deserto”, chega o tempo da Pascua, o tempo para vivir os últimos días de Xesús de Nazaret dende a fe na súa resurrección, o tempo de superar os nosos medos dende o coidado da vida que sempre triunfa, que sempre perdura. Ao longo desta semana, trataremos de poñer a vida no centro, de ir máis aló do individual, dos nosos egoísmos, para impulsar os coidados comunitarios e facer do ben común, da xustiza, do fraterno, o verdadeiro eixe dende o que construír ese outro mundo posible e necesario.
Porque so así poderemos recoller os froitos do que sementamos no deserto, so así poderemos perder para sempre os nosos medos, de maneira que a vida compartida sexa a fonte na que refrescar a cotío o soño de fraternidade de Xesús de Nazaret.