Hoxe celebramos o Domingo de Ramos cunha celebración de familia, coa asistencia e participación dos nenos e nenas que se reúnen semanalmente na nosa parroquia. Foi unha celebración distinta, festiva, dinamizada polas catequistas da comunidade e protagonizada pola xente máis nova, que aportaron toda a súa frescura e entusiasmo.
Ao final da celebración, aportaron o seu gran de area para denunciar todas as guerras e para comprometerse -e comprometernos- coa paz, expresada coas cores da bandeira arcoiris que nenos e nenas formaron con ramos de distintas cores.
Foi unha ocasión perfecta para lembrarnos o sentido da paz que nos chega despois da tempestade, o alcance do arcoiris que aparece tras a treboada. Os máis pequenos ofrecen esa posibilidade de futuro, esa esperanza de paz, esa mirada nova que precisamos para superar as violencias que nos arrodean.







