O pasado 23 de febreiro, Mércores de Cinza, decidimos celebrar unha Vixilia de Oración pola Paz na nosa parroquia, seguindo a petición do Papa Francisco.
Trala misa das sete e media, xuntámonos na igrexa do Cristo da Vitoria para lembrar como o compromiso coa Paz e a non-violencia está no cerne mesmo do noso ser cristián. Xesús mesmo expresou este compromiso con xestos concretos unha e outra vez ao longo da súa vida. E recomendaba aos seus compañeiros e compañeiras cando entraban nunha casa anunciarse con estas palabras: “Paz a esta casa. E –engadía– se alí hai xente de paz, sobre ela repousará a vosa paz”.
Vivimos tempos de guerras e violencias, e a guerra na Ucraína grazas á acción militar do estado ruso é o último episodio, máis mediático que outros, dunha historia que parece interminable…
Somos apenas unha pequena comunidade parroquial e veciñal no extremo occidental de Europa. Sentímonos con frecuencia impotentes ante as inxustizas que nos asolagan, aquí e no resto do mundo. Pero sabemos que o compromiso coa Paz é tamén o compromiso co Amor fraterno e coa Xustiza, e sabemos tamén que so dende aí seremos fieis á herdanza de Xesús de Nazaret e á posibilidade de construír un mundo distinto, un mundo mellor.