Por moito que nos rebelemos contra a realidade, certamente vivimos tempos de crise, de enfermidade, de guerra, de morte. Tempos distópicos que parece que nos alonxan do Reino, do ideal de Xustiza e Paz que alimenta a vida das comunidades de base. Son tamén, neste sentido, tempos propicios para a coresma, para poñernos a proba, para perserverar no camiño, para sementar no deserto contra toda esperanza. Sempre xuntas, unidas, en comunidade, na confianza de que, ao final, xermolará un mundo novo, un mundo mellor.
Domingo 1º de Coresma (6 de marzo de 2022): O Poder e a Gloria.
Vivimos tempos de egoísmos. Moitas de nós, seducidas pola cultura que constrúe acotío o capitalismo, sométemonos á ditadura do poder e da gloria: perseguimos, porque aí é onde poñemos a nosa felicidade, o poder (sempre sobre os outros) e o éxito persoal (sempre a costa dos demais). Pero Xesús foi moi claro: o único camiño a seguir é o que nos leva a Deus, o que nos cingue, nunha arela común, cara o fraterno.
O Espírito foino levando polo deserto, mentres era tentado.
Despois levouno a un outeiro e mostroulle nun intre todos os reinos do mundo. Díxolle o Satán:
-Dareiche todo o seu poder e toda a súa gloria, porque mos entregaron a min e doullos eu a quen quero: Se me adoras todo será teu.
Respondeulle Xesús:
-Escrito está: Adorarás o Señor, o teu Deus, e só a El darás culto.
Lucas 4, 5-8