O xoves 24 de febreiro, esta comunidade parroquial do Cristo da Vitoria sumouse, como tantas otras veces, a un novo círculo de silencio organizado pola Rede Social Galicia Sur. Preto de cen persoas reunímonos xunto á Farola de Urzáiz, desta vez cun motivo que viña esixido pola máis acuciante actualidade: a guerra na Ucraína obrigábanos a pronunciarnos de xeito claro e rotundo pola Paz, ao tempo que denunciabamos e condenabamos a agresión brutal do estado ruso e expresabamos a nosa solidariedade coas vítimas.
Pensamos que o círculo de silencio é o instrumento idóneo para ser coherentes na expresión pública deste compromiso coa Paz e na denuncia de calquera forma de inxustiza. Os círculos de silencio aspiran a expresar a súa protesta dende a non violencia, a través dunha acción sinxela e asumible por todo o mundo. Queren ser un xesto pacífico e permanente de denuncia, un xesto que nestes días parece máis necesario que nunca. O silencio como protesta. Como denuncia. Como acción.
Como se dicía ao final do manifesto que se leu na concentración:
[…] debemos dicir non á guerra, non a cultura militar, non aos exércitos e ás súas alianzas, non ao armamentismo como negocio, non ao dereito do máis forte.
Do mesmo xeito, solidarizámonos con todas as vítimas do terror desta guerra, e pedimos, rogamos, esiximos, a fin de toda acción bélica e a regulación de calquera conflito que puidese darse a través de medios exclusivamente pacíficos, humanos e respectuosos coas persoas, as culturas e as diferentes sociedades.
Por un mundo con máis xustiza e humanidade. Non no noso nome.
Non a ningunha guerra. Si á PAZ.
Ofrecemos a continuación o texto completo do manifesto e algunhas imaxes do Círculo de Silencio.





