Preto de cincuenta persoas reunímonos o pasado xoves, 13 de xaneiro, nun novo Círculo de Silencio. Convocadas pola Rede Social Galicia Sur, á que pertence a nosa parroquia, acudimos á Praza de América e formamos un novo círculo que, dende o silencio, pretendía denunciar as políticas migratorias do estado español e da Unión Europea. Xunto ao monumento ao migrante, dun simbolismo máis que evidente, reafirmámonos na nosa negativa a ser cómprices da barbarie que dende unha Europa fortaleza se comete a diario contra as persoas migrantes e refuxiadas, ignorando os seus dereitos máis básicos, pisoteados por unhas leis inxustas e criminais.
Deixámosvos a continuación o manifesto que se leu durante o acto e algunhas imaxes do mesmo. Lembrade que nos vemos todos os primeiros xoves de mes, para amosar outros camiños na construción dun mundo máis xusto e solidario.