O xoves 2 de decembro ás 20:00, a Rede Social Galicia Sur, da que forma parte a nosa parroquia, convocou un novo Círculo de Silencio, desta vez na Praza de América, para amosar o noso apoio ás persoas migrantes e refuxiadas e para denunciar a súa situación de indefensión e violación dos dereitos máis elementais.
Varias decenas de persoas compartimos media hora de silencio comprometido e solidario que espertou o interese e o apoio espontáneo de moitas veciñas e veciños. Unha vez máis, o círculo de silencio revelouse como unha ferramenta idónea para unha denuncia alternativa e horizontal que so require poñer os corpos nun xesto que fala dende a inmobilidade e o silencio.
As organizacións que formamos parte da Rede Social Galicia Sur apelamos á conciencia de quen fan as leis e deciden politicamente a diferentes niveis, para que respecten os dereitos das persoas e a súa dignidade. Seguimos asistindo con dor ao drama, que se repite cada día, de tantas persoas que buscan un futuro mellor e que por migrar son perseguidas, enganadas, deportadas e con frecuencia asasinadas no mar. Persoas que camiñan polas nosas rúas e dormen á intemperie, sen padrón, sen traballo, sen amigos, padecendo o frío e a indiferenza da cidadanía. Por desgraza, son moitas as persoas deslumbradas polas luces do consumismo navideño e cegas ante os soños conxelados das inmigrantes, vítimas dunha lexislación que as criminaliza e condena á exclusión e á pobreza.
Dende un silencio que quere berrar a súa solidariedade coas persoas inmigrantes e refuxiadas, RECLAMAMOS políticas xustas:
1. Que erradiquen a Trata de persoas, protexan ás vítimas, especialmente a mulleres e menores, e que persigan a aquelas persoas e organizacións criminais que se enriquecen á conta das vítimas.
2. Que fagan dos nosos pobos e cidades terra de acollida, onde se garanta a atención ás necesidades básicas -alimentación, vivenda, saúde, traballo, redes…- das persoas migrantes.
3. Que asignen as partidas necesarias para unha adecuada política migratoria nos orzamentos xerais do Estado, Comunidades Autónomas, Deputacións e Concellos. 4. Que afronten as causas da migración involuntaria: conflitos armados, espolio dos recursos naturais, pobreza e desigualdade, cambio climático, corrupción… e garantan o desprazamento seguro das persoas que deciden saír dos seus países de orixe, sen poñer en risco a súa vida e a súa dignidade.
5. Que garantan os dereitos das persoas internas nos CIEs e que se proceda ao seu peche.
6. Que rexeiten tratados ilegais, inmorais e deshumanizantes que tratan ás persoas coma se fosen mercadoría.