Xuntanza de Comezo de Curso

Hoxe, sábado 25 de setembro, celebramos a nosa tradicional Xuntanza de Comezo de Curso. Desta vez con especial ilusión ante a mellora na situación da pandemia e as posibilidades de convivir máis e mellor que se nos abren no futuro inmediato.

Trala presentación da xuntanza, unha oración en forma de parábola serviu de porta de entrada ás presentacións dos diferentes Ministerios das súas propostas para o vindeiro curso. Sempre coa participación da asemblea, que expresou as súas cuestións, inquedanzas e suxestións, as persoas responsables dos Ministerios de Educación na Fe, Espiritualidade Liberadora, Formación e Vida Comunitaria, Servizo e Denuncia Profética e Participación e Corresponsabilidade expuseron proxectos de futuro que pretendían recuperar o que xa se viña facendo antes da irrupción da pandemia e aportar novas liñas de actuación.

O aplauso final, as conversas distendidas e a ledicia de volvernos a atopar presencialmente foron a mellor guinda para rematar unha Xuntanza que estivo, por enriba de todo, presidida máis que nunca pola esperanza…

Nestes tempos distópicos, de pandemias e crises ecolóxicas e económicas, que un grupo de persoas se xunten sen máis vontade que a de compartir a vida e poñerse ao servizo da utopía pensamos que é xa de por si revolucionario e esperanzador. Oxalá saibamos seguir camiñando cara a ese outro mundo posible, necesario e urxente…