Baixo o lema “Semente de vencer” reunímonos nesta Semana Santa na parroquia do Cristo da Victoria co obxectivo de lembrar(nos) que, a pesares das dificultades e do desalento que ás veces nos asaltan, somos cristiáns e cristiás que defendemos a causa das empobrecidas, das oprimidas, das vítimas de todas as inxustizas. Somos comunidades enamoradas da causa dos derrotados da Historia, porque cremos -sabemos-, con Dom Pedro Casaldáliga, que a nosa causa é invencible.
Nesta Semana Santa puidemos atoparnos con rostros moi queridos que non mirabamos dende hai tempo, mesmo respectando a necesaria distancia física neste tempo de pandemia. E nese atoparse, reencontrase, houbo momentos de ledicia, de emoción, de apertas con xestos e miradas. Puidemos renovar a nosa fe e, sobre todo, puidemos reforzar a convicción de pertencer a unha comunidade fraterna, firmemente comprometida na construción dun mundo mellor para todas. Nese sentido, a presenza entre nós na celebración do Venres Santo, como testemuña muda de tanta barbarie, da Cruz de Lampedusa, foi un impresionante recordatorio do moito que temos que facer na procura dun mundo máis xusto.
Queremos ser motivo de esperanza para o noso barrio, para a nosa cidade, para o noso mundo. Queremos servir á causa da opción polas empobrecidas, polas marxinadas, polas “inxusticiadas”. Queremos ser “semente de vencer”.