O vindeiro martes, día 20 de outubro, ás 20:00 da tarde, na farola de Urzáiz, a Rede Social Galicia Sur, da que forma parte a nosa comunidade parroquial do Cristo da Victoria, convoca un Círculo de Silencio para conmemorar o Día Internacional da Erradicación da Pobreza.
A causa das restricións derivadas da actual situación sanitaria pola pandemia provocada polo COVID-19, o aforo estará limitado a dez persoas no círculo e haberá que manter a obrigada distancia de seguridade e levar máscara. Por iso recoméndase a participación non presencial, dende as casas, adicando un tempo de silencio comprometido coa causa das persoas e comunidades empobrecidas. Podedes visualizar ese compromiso mediante unha foto nas redes sociais cos hasthag #CírculosDeSilencioEnCasa e #DíaDaPobreza.
Son tempos de incerteza para todas as persoas. Son tempos de crise sanitaria, ecolóxica e económica. Son tempos tamén de distanciamento físico e, segundo parece ás veces, emocional e afectivo. Parece que todo propicia o individualismo e o egoísmo, tan acordes co sistema capitalista que alimenta o “pecado estrutural” no que moitas veces malvivimos.
Por todo isto, cómpre máis que nunca saír á rúa e reivindicar, dende o silencio, dende a inmobilidade dos nosos corpos, un mundo distinto, no que a pobreza e a desigualdade que non deixan de crecer sexan so un mal recordo.
Por un mundo máis xusto e fraterno. Por ese mundo posible, necesario e urxente.