O 1 de xuño foi publicado no BOE o Decreto Lei que pon en marcha o Ingreso Mínimo Vital (IMV). Falamos dunha prestación non contributiva da Seguridade Social que ten por obxecto garantir uns mínimos recursos ás persoas que carezan deles.
A ODS-Coia e a parroquia do Cristo da Vitoria habilitamos, desde o mércores 3 de xuño, un punto de información e apoio sobre o Ingreso Mínimo Vital. Todas aquelas persoas interesadas en coñecer máis sobre esta nova medida -que poderá solicitarse a partires do 15 de xuño- poden acudir aos locais da parroquia, na rúa Baiona 9 en Coia (Vigo), os luns de 10:00 a 12:00 e os mércores de 17:00 a 19:00.
Alén de tratarmos de resolver dúbidas e dar apoio en todo o relacionado co IMV continuaremos coa información alternativa sobre axudas sociais como a RISGA, as axudas sociais do concello, a lei de dependencia, etc.
Con este espazo pretendemos tamén visualizar e denunciar o empobrecemento e, sobre todo, artellar respostas colectivas e desde abaixo fronte a inxustiza e a desigualdade sistémicas que tantas persoas sofren acotío.
+Info: Ingreso mínimo vital e Guía oficial sobre o Ingreso mínimo vital