Presentamos o vídeo dunha longa entrevista entre Raúl Zibechi e algúns curas villeros e persoas do seu contorno de distintas rexións de Argentina, vinculados á organización “Hogar de Cristo”.
Raúl Zibechi é un recoñecido escritor, xornalista e activista uruguaio comprometido e adicado ao traballo cos movementos sociais e populares latinoamericanos.
Familia Grande Hogar de Cristo é unha organización arxentina que se autodefine así: “una Federación que agrupa a los Centros Barriales que tienen como finalidad dar respuesta integral a situaciones de vulnerabilidad social y/o consumos problemáticos de sustancias psicoactivas, poniendo siempre en primer lugar a la persona y sus cualidades. Nuestro objetivo es propender al desarrollo de comunidades comprometidas con el sufrimiento social y promover los valores cristianos a través de una cultura del encuentro y de protagonismo comunitario”.
Ó longo das intervencións, inevitablemente reiterativas, porque as situacións son similares, evidénciase a situación de precariedade na que viven moitas comunidades e familias en Arxentina e, por extensión, en Hispanoamérica, e a incertidume e preocupación polos efectos que a pandemia poida ter nas súas comunidades.
Pero o que nos interesa destacar aquí é a presenza da igrexa de base no servizo e acompañamento dende a solidariedade fraterna pero tamén dende unha constante escaseza de medios. Cremos que o vídeo, neste sentido, é interesante para constatar que outra igrexa é posible e necesaria, pero tamén real -con todas as súas contradicións, seguramente inevitables-, en moitos lugares.
Parécenos importante subliñar aquí algunhas frases de Raúl Zibechi nas súas intervencións:
“La comunidad debe ser una instancia intermedia entre el barrio y la familia o la parroquia”.
“En medio del dolor, del abandono … la peor pandemia es la represión y la soledad”.
“La comunidad es la ternura de los pobres”
En relación coa peste negra de en torno a 1350, destaca Zibechi que:
“En los lugares donde se salvó más gente fue en donde la iglesia estaba e hizo un acompañamiento”.
Agardamos que o vídeo nos anime na procura de pistas para seguir progresando na nosa espiritualidade e nos nosos compromisos, facendo igrexa dende abaixo, no barrio, xunto á veciñanza, por outro mundo posible, necesario e urxente.