REVOLTA DE MULLERES NA IGREXA!

Recollendo o chamado do Consello de Mulleres Católicas (CWC), que promove a acción Voices of Faith (www.voicesoffaith.org), as diferentes asociacións de mulleres crentes feministas alzan a voz e propoñen unha revolta de mulleres.

En concreto, o primeiro chamamento, para o día 1 de marzo, pedía que as mulleres non asistisen ás celebracións litúrxicas, catequeses, etc. Por iso, un grupo de mulleres da nosa comunidade quedaron hoxe no exterior da parroquia durante a misa de 12:30 para sumarse simbolicamente a esa folga de mulleres na Igrexa convocada a nivel galego por Mulleres Crentes Galegas-Exeria. REVOLTA DE MULLERES NA IGREXA ATA QUE A IGUALDADE SEXA COSTUME!!

As convocantes din no seu manifesto: «Queremos que o noso silencio resulte atronador, e que todo o Pobo de Deus se decate da nosa importancia no sostemento da Igrexa».

Continuando coas reivindicacións, o sábado 14 de marzo, ás 12:00, diante da Porta Santa da Catedral de Santiago de Compostela, convócase a celebración reivindicativa «Alcemos a voz». Dende a organización animan ás mulleres que asistan a ir vestidas de branco.

Recollemos algunhas imaxes da concentración das mulleres hoxe na nosa parroquia e o cartel coa convocatoria de Santiago: