Charla-Coloquio: «Emerxencia climática»

O xoves 30 de xaneiro, coincidindo co Día da Paz, temos a oportunidade de asistir a unha charla-coloquio a cargo de Kais Jacob Mohamed Falcón baixo o título: “Emerxencia climática. O cambio climático aféctanos a tódalas persoas”. Terá lugar ás 20:00 no salón de actos da parroquia do Cristo da Vitoria en Coia (Rúa Baiona, 9).

Kais Jacob Mohamed Falcón é doutor en Ciencias do Mar da Universidade de Vigo e dende hai anos estuda as consecuencias do cambio climático a partires da reconstrucción do pasado remoto do planeta e a súa evolución posterior. Sen dúbida, será unha oportunidade para afondar dende o rigor científico nun asunto que nos afecta a todas as persoas e comunidades, pero que se está a deixar sentir xa nalgúns territorios de forma cada vez máis dramática.

Acumúlanse os chamamentos das comunidades científicas, das organizacións ecoloxistas e dos movementos sociais para tomar medidas de forma urxente e inmediata, pero os gobernos e as grandes empresas non parecen querer darse por aludidos. Está en xogo o futuro do planeta, das vindeiras xeracións e das que están a padecer xa agora os efectos dun cambio climático que xa está aquí, por moito que algúns se empeñen en no querer recoñecelo.

Agardamos que esta charla-coloquio sexa unha oportunidade para concienciarnos, actuar en consecuencia na nosa vida cotiá e denunciar ante as institucións a necesidade, a obriga, de tomar medidas xa, antes de que a situación sexa irreversible.

Organizan a charla o Centro Cultural «Rueiro», o Movemento cidadán “O Noso Barrio”, a Asociación de mulleres “Dorna” e a comunidad parroquial do Cristo da Vitoria. Estades tod@s convidad@s! Non faltedes!