A PAZ FAISE ENTRE TOD@S

DOCUMENTO DA PAZ 2019/20

“Como podemos falar de paz mentres construímos novas e formidables armas de guerra?
Como podemos falar de paz mentres xustificamos determinadas accións espurias con discursos de discriminación e odio?… A paz non é máis que un son de palabras, se non está fundamentada na verdade, se non se constrúe de acordo coa xustiza, se non está vivificada e completada pola caridade, e se non se realiza na liberdade” (Papa Francisco, discurso en Hiroshima, novembro 2019).
As palabras de Francisco lévannos a reflexionar ás persoas Cristiás, no comezo do ano,
sobre o noso compromiso diario na construción da paz no mundo que vivimos e na nosa
realidade máis próxima: Galicia.
Certo que vivimos nun lugar privilexiado fronte a millóns de persoas no mundo. Porén esta paz aparente é feble e pode rachar en calquera intre. A metade dos galegos sobreviven a base de prestacións públicas: pensións e subsidios (Voz de Galicia 26-11-2019). Os recentes sucesos en Chile, un dos países máis prósperos de América do Sur, avisan da fraxilidade das sociedades chamadas do benestar. A violencia de xénero que este ano foi especialmente dura na nosa terra, a xenofobia, a homofobia e os novos discursos do odio dalgún grupo político, mesmo amparándose na relixión cristiá, so mostras de que a paz está lonxe de ser estable.


QUE PODEMOS APORTAR?


Para lograr un clima de paz é imprescindible que todos os membros dun colectivo, dun pobo, se sumen no proxecto de construír a paz no seu arredor. Non é doado superar a conflitividade, harmonizar intereses encontrados, reformar organismos carentes de imparcialidade.
Fundamental é unha educación para a paz desde as familias e sobor de todo na escola onde medran cada ano casos de acoso e maltrato. Educar a nenos e mozos na resolución de conflitos sen odio e sen violencia é unha materia pendente na educación.

CONSUMO RESPONSABLE


Unha das causas de inestabilidade en moitos países é o hiperconsumo no que está mergullado boa parte do mundo. Non se trata só dos danos ecolóxicos da superprodución senón do empobrecemento e escravitude de millóns de persoas.
Detrás das guerras en África agáchanse grandes intereses comerciais, e como non, a venta e tráfico de armas. España non é allea a esta situación. Tampouco a ONU, pois o 80% da venda de armamento procede dos países membros do Consello de Seguridade das Nacións Unidas. O gasto mundial en armamento (2018) foi o maior dos últimos 30 anos (1,63 billóns de euros). O Papa Francisco ven de reclamar a ONU que desapareza o dereito ao veto no Consello de Seguridade das 5 potencias.
Temos logo que apostar por un consumo responsable e sobrio, eliminando o innecesario,
favorecendo o comercio ecolóxico e as enerxías sostibles. So así frearemos a devastación do planeta e a violencia que xera unha produción salvaxe en tantos países.
O recente Sínodo da Amazonía, celebrado o pasado mes de outubro en Roma, reclamou
novas políticas que defendan os territorios ameazados e aos seus poboadores. Dende a nosa fe no Xesús Liberador non podemos deixar de loitar neste empeño de salvar a Creación.


2ª MARCHA MUNDIAL POLA PAZ E A NON VIOLENCIA (https://theworldmarch.org/ )


O 3 de outubro de 2019 comezou en Madrid a 2ª Marcha Mundial pola Paz e a Non
Violencia que busca unha converxencia global dos esforzos das distintas colectividades e
movementos a prol dos seguintes obxectivos:

  • Apoiar o Tratado de Prohibición de Armas Nucleares e eliminar así a posibilidade dunha catástrofe mundial e destinando os seus recursos ás necesidades da humanidade.
  • Erradicar a fame do planeta.
  • Reformar a ONU para que se converta nun auténtico Consello Mundial para a Paz.
  • Completar a Declaración de Dereitos Humanos cunha Carta pola Democracia Global.
  • Activar un Plan de Medidas contra o Supremacismo e calquera discriminación por raza, nacionalidade, sexo ou relixión.
  • Facer fronte ao cambio climático.
  • Promover a NON VIOLENCIA ACTIVA para que o diálogo e a solidariedade sexan as
    forzas transformadoras fronte á imposición e á guerra.
    A día de hoxe 80 países asinaron a favor do fin das armas nucleares, 33 ratificaron e faltan 17 por asinar. A Marcha rematará en Madrid o 8 de Marzo de 2020, no Día Internacional da Muller.
    Agora, cada quen ten na súa man o sumarse a este ánimo de santidade que percorre o mundo. Non abonda con amar a Deus e non idolatrar, xa non abonda con non matar, non roubar ou non levantar falso testemuño.
    Nos últimos meses contemplamos como a violencia estoupou en tantos lugares do mundo: Nicaragua, Bolivia, Venezuela, Chile, Colombia, España, Francia, Hon Kong… Artellar camiños de diálogo e pacificación é tarefa urxente que require de todas nós. “En Nagasaki e en Hiroshima estiven orando, encontreime con algúns sobreviventes e familiares das vítimas e reiterei a firme condena das armas nucleares e da hipocrisía de falar de paz, construíndo e vendendo armas (…) Hai países cristiáns, países europeos que falan da paz e logo viven das armas” (Papa Francisco).

Coordinadora de Crentes Galeg@s