Charlas de Advento

O vindeiro sábado, día 30 de novembro, ás 10:30, terán lugar as nosas tradicionais Charlas de Advento. Nesta ocasión teremos con nós a Joaquín Sánchez, que nos acompañará cunha palestra titulada: “A esperanza: que a inhumanidade e a indiferenza non teñan a derradeira palabra”.

Joaquín Sánchez, coñecido como o cura da PAH, é sacerdote dende 1987. Membro da Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) e da Cumbre Social de Murcia. Realiza tarefas de acompañamento no cárcere, en centros psiquiátricos e en residencias de persoas maiores e persoas con discapacidade. Escritor. A súa frase favorita é: “Nunca es tarde para amar y luchar, luchar y amar”.

Sempre comprometido coa xustiza social, militante na HOAC, moi implicado no apoio ás persoas refuxiadas, voluntario en toda loita contra a pobreza e a exclusión, recoñece que “hay que luchar para aliviar el sufrimiento humano”, e iso implica “enfrentarse con los poderes, muchas veces religiosos”.

Con media docena de detencións ás súas costas, dúas multas e varios xuízos pendentes por ocupacións de bancos, este cura chama á desobediencia cívica e á loita contra un sistema baseado na inxustiza estrutural.

En tempos de Advento, falaremos con el sobre como atopar esperanza dende o facer, dende o compromiso de quen quere ser coherente coa súa fe.

Tralo diálogo compartiremos un xantar comunitario nas salas da parroquia, ao que agardamos que vos animedes.

Se tedes curiosidade, recomendámosvos ler os artigos que publicou en eldiario.es ou mirar este vídeo: