Unha vez máis, a Rede Social Galicia Sur, da que forma parte a nosa parroquia, convócanos a un Círculo de silencio. Desta vez con ocasión do Día internacional para a erradicación da pobreza, que se conmemora en todo o mundo hoxe, 17 de outubro. O acto desenvolverase entre 20:30 e 21:00 na farola de Urzáiz. Non faltedes!
Que son os círculos de silencio?
Os círculos de silencio nacen en Francia no 2007 e actualmente convócanse nese país en máis de 180 cidades cada mes. Esta iniciativa tense estendido por Europa e por varias cidades españolas.
Os círculos aspiran a expresar a súa protesta dende unha cultura da non violencia, a través dunha acción sinxela e asumible por todo o mundo. Queren ser un xesto pacífico permanente de denuncia.
O silencio como forma de diálogo, que apela á conciencia de quen fai as leis, de quen as aplican e da cidadanía que as asume, ás veces de forma pasiva e acrítica. Silencio como forma de acción que aglutina a persoas de boa vontade, que podendo ter ideoloxías, culturas ou crenzas diferentes, atopan nese silencio solidario coas persoas e comunidades oprimidas unha linguaxe común.
Nun mundo desbordado de ruídos, de sobreinformación que desinforma, de eslóganes e publicidade comercial e política, pensamos que o silencio ten un potencial revolucionario para reivindicar outros mundos posibles e necesarios.
MANIFESTO 17/10/2019
#CírculosDeSilencioVigo
Con motivo do Día Internacional de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social, as persoas, movementos e organizacións que impulsamos a Campaña “Pobreza Cero” facemos un chamamento á sociedade para que se mobilice ata lograr medidas concretas e efectivas contra a pobreza e a desigualdade.
A pobreza e, especialmente, as desigualdades son cada vez máis extremas, intensas e crónicas. É urxente atacar as causas e cambiar as políticas económicas e sociais que xeran riqueza para o 1% e un empobrecemento xeneralizado para o resto da poboación, tanto dentro como fóra do Estado español. Tamén cambiar un sistema que fomenta a guerra para o control xeoestratéxico dos recursos, destrúe a natureza, ocasiona fames extremas e incrementa as desigualdades sociais.
Sabemos cales son os problemas e coñecemos moitas das súas causas estruturais; tamén sabemos que existen solucións reais e factibles. Queremos solucións baseadas en dereitos. Esiximos políticas cuxo centro sexa a xustiza social e ambiental. En concreto,
Compromisos para non deixar ninguén atrás
- Aumento do orzamento para políticas públicas sociais de inclusión e protección. (Incluíndo investimentos en Educación e en medidas eficaces para a protección da infancia; investimentos en Sanidade e a anulación do Real Decreto 16/2012 para restaurar a sanidade universal; políticas para a Igualdade de Xénero e os plans contra a violencia de xénero; medidas de protección do desemprego e a inserción sociolaboral; Renda Mínima de Inserción para cumprir coa Lei de Prestación de Ingresos Mínimos; cumprir a Lei de Dependencia e pagar as axudas que se recollen na mesma).
- Aumento dos fondos destinados á solidariedade global. Cooperación ao desenvolvemento e axuda humanitaria, desligados de intereses comerciais, de seguridade e de control de fronteiras.
Medidas para garantir a redistribución
- Xustiza Fiscal a través de políticas tributarias xustas, progresivas e suficientes, que sosteñan as políticas sociais (aprobar unha lei contra a fraude e os paraísos fiscais, Imposto ás transaccións financeiras).
Unha versión máis extensa e detallada deste manifesto atópase nesta páxina de Pobreza Cero.