Vídeo fórum polo Día da Muller

Se o ano pasado por estas datas conmemorábamos o Día da muller cun vídeo fórum que se centraba, a partir do visionado do documental Fíos Fóra, na contribución das mulleres galegas ao sector do téxtil, desta vez optamos polo sector conserveiro, aproveitando un interesante documental de Uqui Permui, titulado Doli, doli, doli… coas conserveiras.

É significativo que dous ámbitos produtivos tan importantes para o desenvolvemento económico de Galiza estivesen sostidos por traballos desempeñados maioritariamente por mulleres. E, en ambos casos, eses empregos foron cada vez máis precarizados, ata desembocar en crises sistémicas, coas correspondentes subcontratacións e deslocalizacións.

Exemplos como o das mulleres que protagonizan o documental de Uqui Permui amosan que so dende a unión, dende a solidariedade e dende a progresiva concienciación de colectivo explotado e oprimido poden desenvolverse procesos de empoderamento e dignificación individuais e comunitarios.

Na mesma liña, queremos reivindicar o papel de moitas xeracións de mulleres anónimas que sostiveron e sosteñen a economía familiar e os coidados nos ámbitos do fogar e do barrio, amosando coa súa vida cotiá o seu compromiso cun mundo mellor, máis xusto e solidario. Con este motivo, proxectarase na mesma sesión unha pequena curta, co título “Mulleres de barrio”, protagonizada por mulleres de Coia e que conta co apoio da Parroquia do Cristo da Victoria, o Centro Cultural Rueiro, a Asociación de Mulleres Dorna, o Movemento Cidadán “O noso barrio” e a Oficina de Dereitos Sociais de Coia (ODS-Coia).