Dando pasos cara a Romaxe XL

Recibimos da Asociación Irimia o comunicado quecompartimoscon vos:

Benqueridas Irimegas e irimegos:

Pois si, prácenos comunicarvos que a romaxe XL xa  está en marcha.

Dende o domingo 16 de outubro pola tarde, un grupiño de xente procedente das comunidades do Cristo da Vitoria, as comunidades HOAC de Vigo, o centro xuvenil Abertal e algúns representantes da xunta directiva de Irimia vimos traballando para ir facendo realidade a celebración da romaxe vindeira, que levará por lema “Andaina de Pobo e Fe”.

O lugar que nos acollerá é o fermosísimo parque de Beade, situado na parroquia do concello de Vigo con máis zonas naturais e que, hoxe en día, vén sendo, pola súa situación, o balcón de Vigo, con dúas vistas impresionantes: unha cara á cidade e outra cara ás illas Cíes.

Chegamos á Romaxe XL cheas e cheos de gratitude  polo vivido, pero tamén ben afincadas e afincados na actualidade e coa esperanza de seguirmos traballando nas dúas grandes causas irimegas: a Fe liberadora e a Galeguidade solidaria con todos os Pobos que a precisan. E precisamente a Gratitude, a Actualidade e a Esperanza serán os personaxes principais que nos irán falando na celebración escrita  por Olga Álvarez, María Paz Fernández, Xosé María Pin e cunha breve pero intensa pregaria de comuñón elaborada por Manolo Regal.

No berro seco faranse presentes tres paixóns que nos ocupan e preocupan: as persoas refuxiadas, a precariedade de persoas e familias enteiras, e o coidado do noso Planeta.

Todo vai estando disposto. Agora falta o máis importante: que ti e máis eu, e todas e todos nós reservemos a data: o sábado 9 de setembro. Agardámoste! E antes desa data, seguiremos informando.

Saúde!

Xabier Blanco