O Evanxeo do Domingo 4 de Decembro

DOMINGO II DE ADVENTO

Lectura do Santo Evanxeo segundo Mateo

Naqueles días apareceu Xoán Bautista no deserto, proclamando: – Convertédevos, que xa chega o Reino dos Ceos. El era de quen dixera o profeta Isaías: Unha voz clama no deserto: Preparade o camiño do Señor, endereitade os seus vieiros. Xoán ía vestido con pelos de camelo e cun cinguideiro de coiro no van, e mantíñase de saltóns e mel bravo. Ía onda el xente de Xerusalén, de toda Xudea e mais da banda do Xordán. Confesaban os seus pecados e el bautizábaos no Xordán. Como se decatara de que moitos fariseos e saduceos viñan a que os bautizase, díxolles: – ¡Raza de víboras! ¿Quen vos ensinou a fuxir do castigo que está a chegar? Dade froitos dignos dunha verdadeira conversión, e non vos fagades ilusións dicindo entre vós: «Somos fillos de Abrahán», porque vos aseguro que Deus pode sacar fillos de Abrahán mesmo destas pedras. Xa está a machada posta contra a raíz das árbores, e toda árbore que non dea froito hase cortar e botar ó lume. Eu bautízovos con auga para que vos convertades. Pero o que vén detrás miña é máis forte ca min, e nin tan sequera son digno de lle leva-las sandalias. El havos bautizar co Espírito Santo e con lume. Porque trae a forcada na man, para limpa-la súa eira e na hucha recolle-lo trigo; e ha queima-la palla nun lume que nunca se apaga.