Compartimos este articulo do noso amigo Andrés Torres Queiruga aparecido en «La Voz de Galicia» tras a difusión do documento do Papa Francisco sobre a familia («Amoris Laetitia»)
Deus ama o gozo do ser humano: o estilo do papa
ANDRES TORRES QUEIRUGA
Non hai sorpresas, senón confirmación. Un texto que reflicte, enteiro, o estilo novo deste papa sorprendente. Quere para Igrexa un aire novo, xusto porque o que trae é tan antigo coma o Evanxeo. E que chegar a todos os grandes problemas humanos, á única luz que xulga digna: a Deus de amor infinito, que goza co gozo das súas criaturas. Propón o ideal, sen fisuras nin acomodacións; pero -como o Nazareno- faino con infinita compresión práctica, para os fallos ou deficiencias á hora de o realizar. Fala para a Igrexa, pero como oferta universal dentro do mundo. Porque busca unicamente o ben humano, o texto admite unha dobre lectura: o que di na linguaxe da fe, resulta asimilable na linguaxe secular. Como símbolo, ao lado de Benedetti: «Mi amor mi cómplice y todo /y en la calle codo a codo somos mucho más que dos», aparece san Juan de la Cruz: «Los viejos amadores son los ya ejercitados y probados (…) que gustan la suavidad del vino de amor ya bien cocido en su sustancia».
Fala dentro dunha densa tradición, que intenta renovar -«o tempo como superior ao espazo» é a súa tradución do sentido histórico-, e actualizar con espírito democrático. Unha lectura atenta descobre a finísima dialéctica entre o respecto ao sínodo, cuxa participación fomentou, e ao seu rol de primus inter pares, que non renuncia levar o máis a dentro posible a pesada barca de Pedro. Cita e acolle o positivo, pero non se deixa frear cara adiante: procede cos textos da tradición (Humani vitae) e co tratamento dos casos onde a cultura actual ou as circunstancias persoais, piden amor, apertura ao novo, comprensión humana e integración comunitaria.
Introduce principios e categorías novas, que desbloqueen prexuízos e abran a comprensión: ollada do amor, gradualidade pastoral, lóxica da integración fronte á marxinación, da misericordia fronte á condenación… E promove actitudes que nacen dun realismo fondamente humano, lonxe da «mesquindade» de xulgar pola lei xeral (304), de lanzar leis coma se fosen «pedras»(305) e convertan a igrexa de fogar en «aduana» (310).
As consecuencias prácticas deitan entón espontáneas, respecto dos novos modos na convivencia de parella e dos fracasos matrimoniais. Nos primeiros, estende ao máximo as observacións sinodais, recoñecendo os condicionamentos, vendo etapas nun proceso que pide acompañamento na maduración. Respecto dos divorciados que casan de novo ou conviven, ante todo comprensión realista é axuda ao discernimento honesto, acollida cordial, integración na comunidade… Esta, claramente desexada por el como a máxima posible, eucaristía incluída. Móstrao citándose a si mesmo, recordando que a eucaristía «non é un premio para os perfectos senón un xeneroso remedio e un alimento para os débiles». Claramente, por atención ao sínodo, non impón directamente, pero deixa abertas -animando- as decisións concretas.
Unha exhortación, nacida da xenerosidade e amasada de cariño, que pide unha hermenéutica cordial, que nos límites aparentes vexa só freos dolorosos dun esforzo entregado sen límites a sementar esperanza e, por qué non, a alegría do amor.
Acceso ó documento do Papa Francisco aquí