XXXIV Encontro de Crentes Galeg@s

Celebramos en Compostela (Centro Cultural «Agustín Bueno») o pasado sábado 2 de Abril o XXXIV Encontro de Crentes Galeg@s. Uns corenta participantes provenientes de comunidades de base da Coruña, Santiago e Vigo reunímonos para reflexionar sobre «a violencia de xenero: o machismo mata».

Despois das presentacións e saudos, e cando xa pasaban das 10,30 da mañá comezamos un taller dirixido por Tereixa Ledo, facilitadora do Centro «A terapia do reencontro». Durante hora e media, en grupos e en plenario puidemos reflexionar sobre o «botrato» e o «maltrato» cara a nós e cara aos demais. Foi moi interesante.

Despois dun descanso continuamos a mañá coa reflexión que nos ofreceu a Asociación de Mulleres Cristiás Galegas «Exeria» (MCG) sobre un documento elaborado por elas titulado «A violencia de xenero, violencia contra as mulleres». Espcial incidencia tivo a comprobación na devandita reflexión da nefasta e antievanxélica posición da Igrexa sobre o tema da muller e sobre o case nulo apoio ás convencións da ONU sobre dereitos humanos. Por certo na nosa páxina xa hai publicado un interesante documento elaborado por esta asociacion sobre «a muller na igrexa».

Fixemos un alto a mediodia para facer un xantar compartido, como adoitamos facer sempre, e continuamos pola tarde coa interesante presentación que Mari Carmen fixo do traballo da «Rede Veciñal de Mulleres contra os malos tratos» de Vigo. Atención, orientación , acompañamento, seguimento e denuncia son os alicerces sobre os que se apoia dita asociación formada por un cento persoas voluntarias.

Pasadas as 17,30 participamos nunha celebración elaborada e presidida polas mulleres da nosa comunidade do Cristo da Victoria. Fixemos presente entre nos a Xesús de Nazaret, persoa completa por ter integradas a parte masculina (animus) e a parte feminina (anima) de toda persoa. Lembramos a Maria, a súa nai, que seguramente, xunto co seu esposo (así nolo ensinou Pepa Torres), contribuíu na súa educación «non machista». Dúas lecturas que recollían esta postura de Xesús ante dúas mulleres -a hemorroisa e a adúltera- deron pé ao diálogo posterior que tivemos despois de recibir unha pedra na man e escoitar as palabras de Xesús á muller que ía ser apedrada: «Vaite e se feliz». E terminamos a nosa celebración cunha acción de grazas polas mulleres e por Xesús, compartindo o pan e viño que Xesús regalábanos e cantando o «Magnificat galego» do noso querido amigo Pepe Chao.

Por si interesa a alguen profundizar nos temas, deixamos aquí os enlaces de «Terapia do Encontro» e da «Rede Veciñal de Mulleres contra os malos tratos»,