O evanxeo do domingo

Un domingo mais publicamos o evanxeo dominical e o comentario e a pregaria ofrecidos por Manolo Regal no blogue da Escola de Espiritualidade de Galicia.

Evanxeo: Xn 20,19-31

Naquel  día,  o  primeiro  da  semana,  ó  serán,  estando  pechadas  as  portas  onde  estaban  os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús, e, poñéndose no medio, díxolles: -Paz convosco. Dito  isto, mostróulle-las mans  e mailo  costado. Os  discípulos  alegráronse,  vendo  o  Señor. El díxolles outra vez:-Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.E dito isto alentou sobre eles, e díxolles: -Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoéde-los pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.Pero  Tomé,  un  dos  Doce,  o  chamado  Xémeo,  non  estaba  con  eles  cando  chegou  Xesús. Dicíanlle entón os outros discípulos: -Vímo-lo Señor. Pero el contestoulles:-Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei. Oito  días  despois  estaban  outra  vez  dentro  os  discípulos,  e Tomé  con  eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e poñéndose no medio, dixo:-Paz convosco. Despois díxolle a Tomé: -Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe. Tomé respondeulle: -¡Meu Señor e meu Deus! Xesús díxolle: -¿Tes fe porque me viches? ¡Benia os que creron sen veren!Moitos outros signos fixo Xesús diante dos seus discípulos, que non se escribiron neste libro. Estes escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo de Deus e, crendo, teñades vida nel.

Comentario

Os evanxeos, os textos bíblicos en xeral, das semanas que seguen á Pascua, axúdannos a ir remoendo, pouquiño a pouco, a densidade humana, espiritual que se realiza na resurrección de Xesús, para el mesmo e para os discípulos e discípulas que o seguían daquela e que o seguimos agora.

Pero, por que é tan importante o feito da resurrección? Que transcendencia pode ter para nós, para a xente, para o pobo, para o pobo máis ferido que hoxe medra en número e pesares, que importa a resurrección de Xesús? Gústame entendelo contemplando a Xesús, en fidelidade ao Pai, comprometido ata as últimas consecuencias –coa suma humildade da xente máis pobre, coa máxima valentía da xente máis ousada–, na causa completa e fonda dos seres humanos, sobre todo das persoas que peor o estaban pasando polos abusos dos poderes relixiosos e civís do momento, e polas súas propias ruindades; un Xesús que afronta a morte, con máis confianza ca medo, coma o punto máis álxido dun amor que non ten límites, e que pon vida e proxectos, experiencias e soños, nas mans todopoderosas de Deus, que non sabe de límites, cando de amar e servir se trata. E Deus non lle falla. Recolle esa existencia densa, totalmente abastecida polo Espírito, e dálle continuidade en si mesmo, pois de si mesmo, de Deus, saíra todo ese mundo de amor e servizo, de paixón por Deus e polo ser humano, que caracterizaron a Xesús. O de Xesús valeulle a Deus, e por iso Deus deulle continuidade. E por iso Deus ofrécenos o de Xesús coma continuidade tamén para as nosas vidas de discípulos e discípulas, de persoas que nos entusiasmamos na tarefa de ser comunidade cristiá e de manter no día a día, na historia nosa, as apostas de Xesús. Deus ofrécenos o de Xesús como remedio, como cura, coma salvación para todos os homes e mulleres do mundo, e non coma algo máxico (o sangue vertido, Deus acalmado, o pecado perdoado), senón coma algo a acoller e realizar: a novidade da implicación do amor e do servizo de Xesús contaxiando a todas as persoas de boa vontade que se deixen arrastrar por esa onda de revolta substancial.

E quen nos di que todo isto é así e non doutra maneira? Os trazos míticos dos evanxeos falándonos de fenómenos extraordinarios non son máis ca un débil intento de explicar o que se viviu con fondura, en clave de fe, pero para o que non hai explicacións racional. Coma cando nos piden que expliquemos unha experiencia amorosa intensa, e non nos chegan as palabras, e váisenos a mente cara ás imaxes, e nin con esas. Pois algo así. “Benia as persoas que creron sen ver”, afirma o evanxelista, cerrando case o relato das aparicións de Xesús. É máis importante iso ca non as probas das mans furadas ou do costado ferido. Un engano, logo? Unha fantasía que arrinca no corazón amante de persoas iluminadas? Non: os ollos do amor, que con ollada fonda son capaces de ver e entender o que sen eles sería imposible percibir.

É ben importante a función das testemuñas. Todos, todas, imos crendo grazas ás testemuñas. E todo arrinca no corazón roto, curado e amante daquela muller, María de Magdala, que afirmaba con convicción que Xesús vivía, porque llo confirmaba aquela palabra maior que seguía viva no seu corazón, pronunciando amorosamente o seu nome: María. As testemuñas fóronse sumando, despois de pasar por experiencias similares. E así, ano a ano, século a século, todos, todas fomos crendo arrastradas pola experiencia narrada doutras persoas, que, coa palabra ou co silencio, co seu estilo de vida sobre todo, foron para nós un testemuño vivinte de que Xesús vive, de que todo o de Xesús (o seu nome, a súa persoa, a súa palabra, o seu estilo de vida, as súas conviccións, os seus soños), todo, está tendo continuidade nas nosas experiencias vacilantes. Seguro que cada un de nós temos por tras e por diante da nosa historia persoal unha boa presa de testemuñas que nos confirman que el, Xesús, está vivo. Feliz quen cre sen ver! E a tarefa principal da comunidade cristiá e dos homes e mulleres que a conformamos, é simplemente este: ser nos nosos tempos testemuñas vivas do mesmo: Xesús, o de Xesús, todo o de Xesús, está vivo.

O relato de Xoán, que hoxe lemos, ofrece aspectos desa experiencia de encontro co resucitado que lles conmocionou as vidas. Pódennos axudar a discernir o noso desexado encontro con Xesús. O encontro crea paz, paz fonda, e alegria a proba de calquera incidencia. A paz de quen se sabe toda nas mans de Deus rompe os medos e xera valentía. Valentía que fai falla para estender a experiencia de Xesús sobre todo polas zonas marxinais da sociedade, dos pobos, das aldeas. Valentía para o traballo fondo da reconciliación persoal, familiar, social, política, cósmica. Tarefa de Xesús, que Xesús resucitado nos pon nas mans para que a continuemos. Tarefa para a que nos dá o Espírito, que o animou a el.

 

Pregaria

Agora que todo acabou, Xesús,

agora que é a Pascua,

agora que hai que empezalo todo de novo,

como nos queres, Señor?,

como lle dar continuidade ao teu grupo

no que ti pretendías empuxar o novo de Deus?

 

Quéresnos, acaso, encerradas/os por medo,

remoendo temores e temidas agresións,

ou coas portas abertas, saíndo

onde o pobo sofre, peca, soña, vive?

 

Quéresnos limpas coma unha patena,

co corpo e a alma sen mancha sen engurras,

ou quéresnos feridas, co corpo roto,

coas mans desfeitas e o corazón conmovido?

 

Como nos queres, Xesús,

ulindo a pulcritude e perfumería,

ulindo a salón, ulindo a sancristía,

ou cheirando a vaca e a ovella,

a silo e a terra, a suor e a bar,

ulindo a xente, a pobo?

 

Quéresnos coa paz

de quen ten a vida ben posta en Deus,

ou co corazón quebrado

de quen mendiga refuxios en todo canto se anuncia e se consome?

 

Quéresnos con Espírito ou sen Espírito,

con alas ou sen alas,

con soños ou sen soños,

dispostas a dar vida, horas, ansias, cartos

ou a gardalo todo no peto das miserias?

 

Como nos queres, Xesús,

como nos queres,

para sermos xente de paz e de reconciliación,

de vida e de esperanza,

para sermos xente de Pascua?

 

Que ben que nos collas da man,

para andar cabo de ti os teus camiños,

os nosos camiños!

Grazas, Xesús!