Coresma: convertete e cre no evanxeo (2)

Unha semana máis entramos en contacto co evanxeo dominical da man do noso amigo Manolo Regal. Tamén lembramos que o sábado 27 ás 8 da tarde teremos a «celebración do perdón» á que bautizaremos este ano co nome de «celebración da misericordia». Experimentaremos en comunidade que Deus Pai e Nai é misericordia para nós e comprometerémonos tamen en comunidade a seguir subindo con el ao cume da misericordia.

EVANXEO DE SAN LUCAS (13,1-9)

Naquel intre presentáronse algúns para contarlle o caso aquel de cando Pilato mesturara o sangue duns galileos co dos sacrificios que ofrecían. El respondeulles:-¿Coidades que eses galileos eran máis pecadores cós demais, porque acabaron así? Non tal, e asegúrovos que como non vos arrepintades acabades todos igual. ¿Seica pensades que aqueles dezaoito que morreron esmagados pola torre de Siloé eran máis culpables cós outros habitantes de Xerusalén? Non tal, e asegúrovos que, se non vos arrepentides, todos acabaredes igual. E púxolles esta parábola:-Un home tiña unha figueira plantada na súa viña; foi ver se tiña froitos e non llos atopou. Díxolle ó viñador: «Xa hai tres anos que veño buscar froito nesta figueira e non llo atopo. Córtaa, ¿para que vai cansar máis a terra?» El respondeulle: «Señor, déixaa aínda un ano máis; vou ver se eu lle cavo un pouco arredor e lle boto
esterco; 9a ver se así dá froito…; e, onde non, pódela cortar».

COMENTARIO

Este Evanxeo está composto por dúas partes, unidas, iso si, pola chamada a emendarse: temos primeiro uns comentarios de Xesús a uns acontecementos violentos que, parece, se deran naqueles tempos (a morte duns galileos por parte de Pilato, e a morte de 18 persoas ao esborrallarse a torre de Siloé), un relato que soamente Lucas narra no seu evanxeo; e temos despois a parábola da figueira, que, na forma en que a conta a lectura de hoxe, é moi propia tamén de Lucas, acentuando a idea da paciencia, da actitude de intentar unha vez máis facer todo o que estea da nosa parte para que as persoas, as comunidades cheguen a dar o froito que delas se espera.

Os comentarios que Xesús fai aos acontecementos desastrosos dos que se fala colléronse tradicionalmente nun sentido que non consideramos nada positivo: se non te fas boa persoa, conta co castigo de Deus, dunha forma ou doutra. Na mentalidade de moitos, de moitas de nós metéusenos esta idea dun Deus castigador, e así interpretamos moitos dos acontecementos que nos poden pasar na vida: enfermidade, accidentes, perda dun traballo, morte, etc. Mesmo lle teño oído dicir a alguén que todo isto que nos está pasando coa crise é un castigo de Deus pola mala xente que estabamos sendo. Pensar isto así, é insultar a Deus, como se Deus fose unha persoa amiga de facernos mal, de castigarnos tan tremendamente, cando a súa ilusión maior é sempre que as persoas nos construamos ben coma persoas, en rectitude e felicidade, individual e comunitariamente. E non vale tampouco dicir que Deus nos castiga para que aprendamos, para endereitarnos, para facernos abrir os ollos.

Outra cousa é que, se facemos o mal, estragamos a nosa vida, iso si; e máis moitas veces contribuímos a estragar tamén a vida doutras persoas. Sabémolo ben, a pouco que nos paremos a pensar. Se non coidamos as nosas relacións de parella, podemos chegar a momentos de tensión e de ruptura familiar; se non nos preocupamos suficientemente da boa educación dos nosos fillos/as, podemos ver como despois andan desnortados na vida; se non traballamos pola unidade e entendemento da parroquia, chegará o día en que a convivencia veciñal deixará de ser esa forza de paz e de alento que tanto necesitamos; se nos relacionamos coa persoas que teñen poder coma quen anda pedindo favores e non esixindo dereitos, pode pasar que chegue un día no que os que teñen o poder se afagan a enchufes e comenencias; se as persoas e as institucións políticas e económicas se deixan levar polo afán de enriquecemento rápido, sen ter en conta o ben e os dereitos da xente do pobo, despois podemos chegar a situacións de crise social, económica, moral, como as que estamos vivindo Pero isto é cousa nosa, non cousa de Deus.

E por iso é ben necesario atender á chamada que Xesús nos fai para que nos emendemos, para que cambiemos cousas da nosa vida que nos están facendo mal, e coas que facemos mal a outras persoas. Porque Deus nos quere moito e ben, por iso nos invita a que non nos deixemos arrastrar polo mal, pola inxustiza. E claro que é certo: se non nos emendamos, estragaremos as nosas vidas, as nosas familias, as nosas amizades, a nosa convivencia social, a nosa vida en definitiva, dunha forma tan severa coma os pobres galileos asasinados por Pilato inxustamente ou coma aqueloutros esmagados polas torres de Siloé. Emendarnos é cousa boa, e o esforzo por facelo sempre trae satisfaccións.

E que é iso de emendarnos? Pois é algo así como cambiar de actitude mental; cambiar os ollos, o corazón, as mans; cambiar a maneira de ver, a maneira de sentir a maneira de actuar; pasar dun comportamento inxusto coas persoas, a un comportamento de respecto e de xustiza exquisita. Deus, Xesús, que nos pide que revisemos e refagamos as nosas vidas, non nos pide iso deixándonos sos, ao noso aire, desentendéndose de nós. Xesús, cando nos pide emendarnos, amósanos o súa forma de vivir, o seu estilo de vida; vai el por diante, para que vexamos con claridade cal é o camiño a seguir; e as persoas e comunidades cristiás temos a seguridade de que tratando as persoas como Xesús as trataba, situándonos socialmente como Xesús se situaba, imos ben, de que as nosas vidas de poderán recompoñer dun xeito adecuado. Sempre, e tamén hoxe, as persoas cristiás, as comunidades cristiás, o conxunto da Igrexa, estamos todos, todas moi necesitadas de volver a Xesús, de volver ao Evanxeo, de apegarnos a el. Pero Xesús non se contenta con sinalarnos o camiño coa súa vida, que xa non é pouco, senón que tamén nos ofrece o seu Espírito, para que sexamos capaces de seguilo, de funcionar no noso mundo de hoxe con aqueles convencementos básicos cos que el viviu no seu.

A parábola da figueira é preciosa. Que facer co mal, que facer coas persoas malas, coas comunidades cristiás deterioradas, coas situacións sociais pecaminosas, inxustas, como as que estamos vivindo nos nosos tempos, con tanta corrupción por todos os lados? Que facer con nós mesmos, que tampouco seremos o máis limpo e santo do mundo? Despreocuparnos, pasar de largo, falar, barullar, criticar, e que as cousas sigan así un ano tras doutro? Non, certamente, non é ese o estilo de Xesús, e non debera ser o das persoas que o seguimos. Arrasar con todo, linchando persoas, institucións, cortando a árbore polo pé, porque non dá bos froitos? Tampouco parece ese o estilo de Xesús, a non ser que destruíndo unhas cousas, nos comprometamos firmemente noutras mellores; a non ser que cortando unha figueira vella e deteriorada, nos dispoñamos a plantar outra no seu canto. Xesús, coma Deus, gusta de ser paciente, pero paciente activo, comprometido, disposto a facer todo o que haxa que facer, para que as cousas cambien, para que a figueira dea froitos, para que a vida de cada persoa, de cada comunidade estea chea de bos froitos de honradez e de xustiza. E invítanos a que nos situemos ante a nosa propia persoa e vida, ante as demais persoas, ante a sociedade dunha maneira implicada: sermos o bo labrego ou labrega que cava ao redor, que bota esterco, soñando co día no que os froitos penduren fermosos das árbores da vida.

PREGARIA

A ver se así dá froito…
Esa é a túa ansia maior, meu Deus,
que as árbores das nosas vidas
estean floridas e fermosas,
abundantes en froitos de ben e de xustiza,
para proveito noso,
para felicidade dos homes e mulleres todas do mundo,
para o triunfo do teu soño de luz, leite e mel
co que de vello, de sempre,
quixeches ennobrecer as nosas vidas humildes e miúdas.

A ver se así dá froito…
Esa é a túa ansia e o teu empeño maior, meu Deus,
polo que pos en xogo canto es e podes,
o mellor do que ti tes,
o teu Fillo ben amado, o voso Espírito vigoroso,
a ringleira interminable de testemuñas
que dentro e fóra da Igrexa cultivan a figueira humana.

A ver se así dá froito…
Con paciencia infinita,
con apaixonamento desmedido,
coa esperanza a proba de ingratitudes,
coa tenrura envolvendo todas as túas presenzas,
disposto a dalo todo,
a xogalo todo,
a entregalo todo,
porque ti es Deus e non ser humano,
porque es luz e plenitude
e non baleiro e sombra,
porque es amor en prato desbordante
e non celo egoísta en cunca pechada.

A ver se así dá froito…
E invítasnos a encher de nomes a figueira,
o Xabi da Funcasta, e a María da Felga,
e o N, o N, o N, o N…,
nomes de persoas, de grupos, de proxectos,
o noso propio nome, infinitos nomes
que todos ti pronuncias coa mesma voz entrecortada e núa,
á espera de que contigo,
coa mesma paixón o e mesmo empeño,
nos poñamos humildes á tarefa,
a ver se así dá froito.