Dia da Paz na nosa comunidade

Os nenos e adolescentes, pais, nais e catequistas celebramos o Dia da Paz, en lembranza do noso gran profeta Mahatma Gandhi, con diversos talleres e cun Festival da Paz moi concorrido no que gozamos de cancións, xogos, proiecions e sobre todo dun ambente cordial,  distendido e pacifico. Deixámosvos o manifesto que leron os nenos ao comezo do Festival que reflexa o transfondo de todo este dia e dos valores de Xesús que imos asimilando cada semana. Culminaremos o Dia da Paz o proximo domingo dia 31 coa Eucaristía de Familia da Paz.

Tamen podedes leer o Documento da Paz elaborado pola Coordinadora de Crentes Galegos para esta data que se titula «Europa, terra de acollida?». Está publicado en paxinas anteriores e podedes recollelo aqui.

MANIFESTO PARA O DÍA ESCOLAR DA PAZ E A NON VIOLENCIA

Na Cidade de Vigo, onde vivimos, estudamos, divertímonos e formámonos como persoas, nenos, adolescentes, novos e catequistas da Parroquia do Cristo da Vitoria, neste Día da Paz e a Non Violencia do ano 2016, acabamos de facer uns talleres que nos serviron para tomar conciencia da importancia da solidariedade entre nós e do respecto a todos as persoas coas súas particularidades e diferenzas.

Conscientes de que habitamos un mundo con demasiadas experiencias de guerra e de violencia.

Sabendo que no século pasado vivíronse en Europa as peores guerras da historia que non queremos que volvan repetirse.

Coñecendo por propia experiencia, e polas noticias de todos tose días, que a violencia segue estando presente nas nosas cidades e ata dentro dos colexios, das familias e dos barrios

NO DÍA DA PAZ E A NON-VIOLENCIA MANIFESTÁMONOS E PRONUNCIÁMONOS:

Somos os nenos e mozos que integramos unha gran parte desta sociedade do século XXI e soñamos cun planeta en harmonía entre as xentes e paz entre os pobos.

Soñamos que chegará o día en que as fronteiras marcarán só os antigos reinos nos que se xestou unha lingua e unha cultura, pero non serán xa máis os filtros con que uns homes excluamos do noso lado a outros irmáns nosos.

Soñamos co día en que os recursos da terra permitan a cada pobo o seu propio desenvolvemento, cesen as explotacións dos máis fortes sobre os máis débiles e o desenvolvemento e a cultura sexan os fundamentos da vida das nacións en paz.

Soñamos con que chegue xa o día en que, superados os extremismos sexistas, homes e mulleres por fin maduramos en tolerancia e mirámonos con ollos de total respecto e boa acollida.

Soñamos co día en que as nosas valoracións non terán en conta o sexo nin as razas sobre a terra, porque a máxima importancia consistirá en ser persoa humana.

Soñamos co día en que os corazóns de todos nós superasen os receos, as envexas e as desconfianzas e nos patios das nosas casas non se coñezan nunca máis as pelexas nin as ameazas.

Soñamos co día en que todos os fogares sexan o espazo onde os adultos cada día recobran a bondade interior e a tenrura e nós os nenos e jovenes desenvolvemos uns ollos limpos e un corazón forte.

Soñamos co día en que sexa necesario borrar do dicionario palabras como terrorismo, violación, narcotráfico, escravitude, refuxiados… porque, despois de caer en desuso, carecen xa de significado.

Soñamos que chegará un fermoso día no que as montañas e os bosques, os mares e os peixes, o aire, as plantas, os animais e o home serán pureza e harmonía natural.

SOÑAMOS CON ESTE FERMOSO DÍA PORQUE O QUEREMOS, PORQUE O INSTINTO DE VIDA DINOS QUE O NECESITAMOS, PORQUE DE NÓS DEPENDE E CADA DÍA SOMOS MÁIS E MÁIS Os QUE NOS ESTAMOS CONVENCENDO.

QUE CHEGUE PRONTO O DÍA EN QUE TODOS, AO LEVANTAR A VISTA, VEXAMOS UN MUNDO NOVO ONDE POÑA SOLIDARIEDADE E LIBERDADE!