Pepa Torres: «Unha muller renovada nunha Igrexa renovada» (1)

«Unha muller renovada nunha igrexa renovada» foi o título que a nosa comunidade deu ás charlas de Advento da teóloga e activista social Pepa Torres os días 11 e 12 de Decembro. Comezou polo tema de «unha igrexa renovada» . Partiu da categoría de «malestar»coa igrexa por parte de moitos cristiáns para soñar cunha Igrexa nova, que non só é soño, senón creatividade na loita diaria de moitos e moitas.Como sería esa Igrexa que soñamos much@s e que en parte o Papa Francisco está a esbozar nos seus discursos e actuacións? Pois sería así:

  • Unha igrexa que dese testemuño do Deus amigo do mundo. En Xesús Deus, Nai e Pai, convértese nun Deus humanado, nun Deus amig@. E a tarefa evanxelizadora da Igrexa  convertese en tarefa humanizadora do mundo.
  • Unha igrexa menos preocupada de se mesma e máis preocupada do mundo e os seus problemas; con olfato aos signos dos tempos, saíndo en acompañamento de novos movementos. Estes serían: os dereitos humanos, a sustentabilidade do planeta, os desafíos da cultura e da ciencia, a liberación da muller, a diversidade sexual, as iniciativas da ética global, a espiritualidade máis aló das relixións, as alternativas ao Mercado….
  • Unha Igrexa que trate de superar a complicidade co «statu quo» e a inxustiza e apúntese cada día máis á memoria perigosa de Xesús e á súa aposta polo amor político, pola defensa dos dereitos humanos e pola paz. O memorial de Xesús convoca á Igrexa para subverter a historia denunciando os poderes e identificándose cos que habitan as periferias. Durante moito tempo reduciuse a moral na Igrexa ao campo sexual esquecendo o compromiso coa xustiza e coa paz; compre recuperar a praxis de Xesús e a Doctrina Social da Igrexa.
  • Unha Igrexa que rompa co clericalismo e se abra á participación. Democratizar a Igrexa é convertela á igualdade e á comunidade de ministerios. Democratizar a igrexa é pasala da pirámide eclesial ao círculo do protagonismo laical e ao impulso comunitario.
  • Unha Igrexa que deixa atrás a desvalorización das mulleres e a discriminación sexual e lanza a ponte da comunidade de iguais, a tolerancia cero coa violencia e os abusos cara á muller. Unha igrexa que dialoga coa ciencia e ábrese á pluralidade sexual.Unha Igrexa que recupera os modelos femininos da historia da salvación. Deus abarca o masculino e ofemenino; é Nai e Pai. Una Igrexa que recupera sobre todo a María de Nazaret. Maria de Nazaret non é a muller vestida de azul que xustifica a dominación da muller polo home e a súa relegación ás tarefas domésticas, senón a primeira cristiá que acompaña a Xesús e á comunidade.

Esta última «ponte» quedou pendente para o dia seguinte continuando cun diálogo sobre o tema exposto.