O noso amigo Anuncio, compañeiro de camiño na Asamblea de Crentes Galegos, nos envia esta carta despois de participar na eucaristía en lembranza de Pepe Chao e adxunta a oración final composta por Manolo Regal:
Compañeiros/as: Teño a ben enviarvos esta (para min) fermosa oración que como non podía ser doutro xeito, o irmán Manolo Regal, compuxo para o remate da Eucaristía adicada en lembranza do Patriarca da nosa Igrexa Galega, Pepe Chao, Irmán maior, mestre, sementador.
Apertas desde o Deus dos pobres. Anuncio
CON PEPE CHAO NO CORAZÓN
Pepe,
Pepe Chao,
Pepe Chao, crego, marido de Sari,
pai de Sara e Luís,
avó da Roi e de Iria.
Pai, Nai, de todas nós,
daquela maneira densa e fonda que tan ben Deus coñece;
ou, se queres mellor,
irmán, irmán maior,
máis ca mestre, que tamén o fuches
nesta hora crucial, insospeitada
de Galicia, da Igrexa Galega, do mundo
que che tocou vivir connosco.
PEPE CHAO, IRMÁN MAIOR,
MESTRE SEMENTADOR.
Pepe Chao,
aquí nos tés,
asentando apresuradamente agora
os recordos, as ideas, os afectos, as incitacións, as ledicias recibidas de ti,
á espera de as ir debullando pouco a pouco,
en soidade, en comunidade,
para que nada se perda,
para que a túa semente dea o froito
que en promesa firme leva no seu cerne.
Por ser un bo cristián,
un bo animal relixioso, como dirías ti,
nada humano ache foi alleo,
nade se escapou da túa ollada aguda, enxeñosa,
e da túa palabra limpa, fraterna, provocadora.
Canto cho agradecemos!
PEPE CHAO, IRMÁN MAIOR,
MESTRE SEMENTADOR
Ningún home ou muller que te tratase
puido fuxir da maxia da túa tenrura,
por riba de todo.
Cada un de nós, cada unha de nós,
Somos portadoras dunha inmensidade de vivencias
que gardamos no corazón
como mantenza necesaria no fío dos días e das esperanzas aflixidas.
PEPE CHAO, IRMÁN MAIOR,
MESTRE SEMENTADOR.
A túa vida foi un regalo de Deus para nós.
A túa vida foi un regalo para a Igrexa Galega e universal,
aínda que houbese xente que así non a vise
quizabes, quen sabe, por seren de ollo turbo e de corazón enfaixado.
A túa vida foi un regalo de Deus para Galicia enteira,
Para quen a quere ver como matria real
de presentes e de futuros nobres,
para quen a quere construír con orgullo de seu.
A túa vida foi un marabilloso e insospeitado regalo de Deus para a nosa fala,
para quen sinxelamente a quere falar, coidar, gozar.
PEPE CHAO, IRMÁN MAIOR,
MESTRE SEMENTADOR.
Pepe Chao,
non nos despedimos de ti,
non che anunciamos adeuses.
Seguimos contigo con gusto
ti con gusto tamén, seguro, segues connosco
nunha comuñón de fe, de amor e de esperanza
que nada nin ninguén poderá quebrar,
nunha aposta creativa por Deus, polo Evanxeo, por Galicia, pola fala,
polo mundo, pola xente menor, marxinal,
nunha aposta por superar rutinas
que ante o teu corpo descansado nos comprometemos a confirmar
para ser dignos da túa memoria.
Con Xosé Alvilares, con Neira Vilas,
que tríade gloriosa!,
cruzaches a “fronteira do misterio”.
Axúdanos a manternos vivos, vivas,
cada día, cada hora,
nas soleiras dese misterio como ti te mantiveches,
para que a nosa vida sexa, algo como a túa,
sementadora de soños, de ledicias, de alentos.
Un bico, unha aperta de toda esta irmandade
que te quixo, que te quere e que te quererá sempre.
PEPE CHAO, IRMÁN MAIOR,
MESTRE SEMENTADOR.