O vindeiro mércores 18 de febreiro, ás 10h00 celebrarase un novo xuízo contra o Departamento de Benestar Social do Concello de Vigo, iniciado por unha compañeira da ODS-Coia, en reclamación contra a resolución pola que se lle denega unha Axuda de Emerxencia Municipal (AEM) para débedas de subministración (luz e gas). En apoio desta compañeira, a ODS-Coia, a parroquia «Cristo da Vitoria» e G.A.S. convocamos unha concentración de apoio nas portas dos propios xulgados (r/Lalín, Vigo) a partires das 9:30 da mañá baixo o lema: Fronte á esmola das axudas do Concello, esiximos dereitos sociais!
Trátase do segundo xuízo contra este departamento pola cuestión das AEM, o pasado 29 de xaneiro celebrouse a vista na que unha compañeira demandaba ao concello pola denegación de dúas AEM. Até o momento non foi comunicada unha sentenza que agardamos con esperanza.
A solicitude denegada foi presentada o 02/07/2014 e o 14/11/2014 ditouse resolución denegando a mesma por dous motivos:
1º. A solicitante cobra unha RISGA de 239,03 euros. Segundo o criterio do Departamento de Benestar Social, uns ingresos suficientes para afrontar os gastos ordinarios (entre eles a luz e o gas). Así se recolle literalmente: “vostede percibe una RISGA dende xullo deste ano e a partir de agora ten que asumir os gastos xerais e suministro da vivenda, xa que son gastos ordinarios”.
2º. Tamén se denega a axuda por terse superado a contía máxima que se concede por vivenda e ano para as débedas de subministración.
Dende a ODS-Coia apoiamos este recurso xa que:
1º. Non pode admitirse que a unha persoa con dous menores ao seu cargo, de 5 anos e dúas semanas de idade, que conta como únicos ingresos cunha RISGA de 239 euros (máis pensión de alimentos), se lle indique dende o Departamento de benestar Social que non ten dereito a percibir máis axuda económica, por considerarse suficiente dita contía mensual para afrontar as súas necesidades básicas, e as da súa familia.
Ademais, as bases reguladoras non establecen a percepción da RISGA como circunstancia que impida ou restrinxa o cobro dunha AEM.
2º. Non é certo que a compañeira superase a contía máxima anual para axudas de subministración, xa que a base 7ª das bases fixa ese máximo (para luz e gas) en 800 €, e a recorrente percibiu durante todo o ano 2014 para eses dous conceptos un total de 519,41 euros, tal e como consta nos expedientes administrativos aos que tivemos acceso.
3º. Finalmente, ao terse superado o tempo máximo de resolución deste tipo de axudas (3 meses) a solicitude tivo que ser estimada por silencio administrativo, xa que o prazo para resolver finalizou o 02/10/2014 e a resolución non se dita até o 14/11/2014, e se notifica o 04/12/2014.