Chamamos pola Irmandade (Romaxe 2014)

O sábado 13 de setembro, a partir das 11 da mañá, seremos recibidos nas Virtudes con rosquillas do país e o son das gaitas para celebrarmos a XXXVII Romaxe de Crentes Galegos!

Ás 12:00h comezará a Celebración, onde, presididos polo fermoso lema “Chamamos pola Irmandade” e polo retrouso “Irmáns, pra que o porvir nos chame, cómpre que nazan flores a cada instante! Para que mil recendos enchan o aire!”, saberemos algo máis do lugar que nos acolle, repasaremos os atrancos que no noso mundo sofre o soño da irmandade, irmandarémonos con Xesús de Nazaret celebrando a súa memoria e apostaremos polas grandes causas co noso xa tradicional berro seco.

Logo virá o xantar e a festa da tarde amenizada polo grupo A Quenlla, Pepe Penabade e Lucho, e por grupos folklóricos do lugar. Por certo, non esquezades dous detalles ben importantes: para o xantar haberá pulpeira e tamén haberá a vender pan do lugar.

Ah, e temos reservada unha gran novidade: a presentación en rigorosa exclusiva do CD-libro onde se recollen as cantigas que nos levan acompañando ao longo destas 37 romaxes!

A partir das 6 da tarde desprazarémonos ata a Igrexa de San Pedro de Mezonzo para ter alí, nun lugar tan emblemático, a oración da tardiña e a despedida.

No outro artigo, Gumer, crego dinamizador da zona, e irimego dende primeira hora, cóntanos o significado e a importancia de Mezonzo.

Contamos contigo o sábado 13 de setembro nas Virtudes-Vitre, no concello de Frades!