Centos de persoas asinaron ás portas da delegación de Facenda en Vigo para que o dereito a vivir dignamente sexa unha realidade para todas. Un dos vieiros para facermos posible este dereito pode ser a Renda Básica, que quere chegar ao parlamento por medio dunha Iniciativa Lexislativa Popular da man de moitas persoas e colectivos.
ODS-Coia, GAS e parroquia do Cristo da Victoria xuntámonos, outra vez, para dar a coñecer a proposta da Renda Básica. Á entrada da delegación de facenda puxemos mesas, cadeiras, pancartas… e comezamos coa recollida de sinaturas. De 10h00 a 13h00 non pararon de achegarse persoas que apoiaron esta iniciativa coas súas sinaturas.
Neste acto estabamos acompañadas polas compañeiras do Espazo Aberto Antimilitar que animaron a facer Obxección Fiscal aos Gastos Militares co reparto de folletos informativos. É moi común a pregunta: temos cartos para unha Renda Básica? Ter os temos, pero se están ao servizo da guerra e dos intereses da industria militar non os haberá para cubrir as necesidades básicas das persoas.
Nuns días volveremos ás rúas para continuar coa recollida, porén a xente que estea interesada en asinar o pode facer na ODS-Coia todos os luns de 17h00 a 19h00 nos locais da parroquia do Cristo da Victoria (Baiona 9, Coia – Vigo).
Achegamos o texto que elaboramos para o acto:
Hoxe concentrámonos diante do edificio de Facenda convocadas pola Oficina de Dereitos Sociais de Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social (GAS) co obxectivo de comezar coa recollida de sinaturas da Iniciativa Lexislativa Popular pola Renda Básica. Trátase, sobre todo, de informar á cidadanía sobre a alternativa real que supón a Renda Básica coma instrumento transformador de loita contra a pobreza e de xustiza social, pero tamén, coma moitas outras veces, de saír á rúa para denunciar publicamente a situación de total indefensión e precariedade na que as institucións públicas deixan a unha poboación cada vez máis empobrecida, vítima dun sistema económico excluínte que impide que dispoña do imprescindible para vivir con dignidade.
As cifras son so cifras, e pouco poden dicir dos auténticos dramas persoais que agachan detrás, pero non menten. Medra día a día o número de persoas e familias que viven (ou malviven) por baixo do limiar da pobreza (máis do 20% da poboación estatal, segundo a Enquisa de Condicións de Vida realizada en 2013 polo Instituto Nacional de Estatística). Pero do mesmo xeito medra sen descanso o número de ricos: 1625 persoas cun patrimonio superior aos 23 millóns de euros, o que supón un 7% máis que o ano anterior. A riqueza común, en fin, acumulada nas mans dun poucos, mentres unha crecente porcentaxe da poboación carece do máis elemental.
Fronte a estas cifras que falan con claridade da inxustiza social, as solucións existen e veñen da man da cidadanía que se organiza e busca alternativas para unha vida digna.
Deste esforzo colectivo e do convencemento de que é imprescindible comezar por un real reparto da renda e da riqueza, nace a campaña de recollida de sinaturas da INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR POR UNHA RENDA BÁSICA ESTATAL.
Concibimos a Renda Básica como un instrumento de erradicación da pobreza, un mecanismo de repartición da riqueza e distribución da renda, que pode dar seguridade económica á poboación; que permite iniciar outros modos de vida, fomenta a igualdade de xénero e contribúe a eliminar os estigmas sociais. A Renda Básica pode ser o piar do novo sistema de benestar e un instrumento útil para defenderse da deterioración das condicións de vida que impón o capitalismo global.
A Renda Básica que defendemos non é unha esmola, nin unha prestación asistencial, nin un salario de pobres, senón un dereito inherente á condición de persoas, un dereito coas características de individualidade, universalidade e incondicionalidade.
A ILP pola Renda Básica pretende ser unha ferramenta para sacar da intemperie a milleiros de persoas, mais tamén para combater o medo e a desmobilización social. “Non hai pan para tanto chourizo” berrouse con carraxe nas prazas. Si hai e debe haber recursos para garantir unha vida austera, pero digna, a todas as persoas.
Por todo o exposto, presentamos esta ILP que establece o dereito á Renda Básica, é dicir, o dereito de toda persoa a recibir unha cantidade periódica que cubra as súas necesidades básicas; un dereito individual, universal e incondicional, cunha contía equivalente ao limiar da pobreza (645,33 €/mes) e cunha aplicación gradual en dúas fases: de xeito inmediato trala aprobación da Lei para todas as persoas que non teñan cobertura por desemprego e non dispoñan doutros ingresos, e tamén para aquelas cuxas rendas sexan inferiores á contía da Renda Básica; e nunha segunda fase, para o resto da cidadanía.
Porque temos dereito a vivir con dignidade: RENDA BÁSICA, XA!
Vigo, 30 de maio de 2014
ODS-Coia – Parroquia Cristo da Victoria – Grupo Axitación Social
—
Imaxes da recollida de sinaturas: www.flickr.com/photos/axluar/sets/72157644926377685/
Na prensa: www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/2014/05/30/recogen-firmas-favor-renta…