Romaxe na Carballeira das Virtudes

Coma todos os anos, o grupo que anima e coordina a Romaxe xa leva tempo traballando para ter todo listo no mes de setembro. Neste artigo, e noutros que sairán nos próximos números, irannos presentando o sitio, a paisaxe e a paisanaxe da XXXVII Romaxe.

O 14 de setembro de 2013, rematando a celebración da Romaxe en santa Uxía de Lobás, subiron a coller o ramo e a animarnos a participar na Romaxe 2014, Paula e Raquel, de Galegos e Rocío de Abellá-Frades.

Velaquí as súas palabras naquel momento:

“Boas tardes a todos: A nós tócanos informar primeiro do lugar da Romaxe vindeira e como é. Empecemos por situar no mapa o lugar da capela das Virtudes.

Trátase dun lugar moi céntrico a uns 30 quilómetros de Compostela e moi ben comunicado veñamos de onde veñamos.

A Capela das Virtudes coa súa ampla carballeira pertence ao concello de Frades. Frades é un dos concellos da comarca de Ordes no interior da provincia da Coruña, pero iso non se nota para chegar alí. Por un lado pasa a estrada de Santiago cara á nacional VI e por outro á de Lanzá cara a AP9.

Hoxe non toca falar da historia, dos monumentos ou da xente destas terras; descubrirédelo por vós mesmos. Só un detalle: hai uns 35 anos chegaron a estas terras dous mestres, Mini e Mero, dous imprescindibles das romaxes e aínda non marcharon.

Para rematar, temos que dicirvos que vos acolleremos con moito gusto na capela das Virtudes en Vitre o vindeiro ano. Verémonos alí!”.

A capela das Virtudes procede dos albores do 1800 cando D. Blas de la Fuente, voltou despois de moitos anos na emigración e quixo lavar a súa conciencia con boas obras para que a Virxe e os seus veciños de Lanzá o perdoasen.

Dos moitos persoeiros célebres desta contorna salientamos neste primeiro artigo a Luís Porteiro Garea, que naceu en Lugo pero morreu preto de aquí, en Frades. El foi un dos fundadores das Irmandades da Fala. Foi un dos creadores do nacionalismo irmandiño na súa vertente política, pois apostou por superar as reivindicacións puramente lingüísticas e culturais e avanzar cara á creación dunha organización política propia.

Por iso é polo que na Romaxe deste ano chamamos pola Irmande, e farémolo cantando fermosas verbas de Claudio Rodríguez e Baldomero Iglesias:

IRMÁNS, PRA QUE O PORVIR NOS CHAME
CÓMPRE QUE NAZAN FLORES A CADA INSTANTE!
PARA QUE MIL RECENDOS, ENCHAN O AIRE!

Quero unha irmá de pan, abrigo de liño e lan
que alimente os meus contentos, loitando contra os tormentos
ergueremos das derrotas que nos traen as almas rotas
sentíndonos reforzados uns cos outros solidarios
coa canción que o mal espante, sen cansar e cara adiante
por vieiros que nos leven e nos traian a onde deben:
man de esperanza en Romaxes, e coa fe feita irmandade.

Pero lembraremos tamén que non abonda con palabras. Para que haxa verdadeira Irmandade non pode haber mentira, nin traizón, nin insinuacións sospeitosas, nin corruptelas, nin rancores. E nos tempos que corren é o que máis abunda.

Ten que haber encontro, relación, confianza, entendemento, comprensión. Ganas de mellorar, de loitar contra as dificultades. Onda a Carballeira das Virtudes lembrarémolo, e tamén o celebraremos acompañados do noso Irmán Maior, o de Nazaré que pasou pola Histora xerando Irmandade e denunciando corruptelas que afunden as xentes.

Fonte: http://irimegos.wordpress.com/2014/04/20/romaxe-na-carballeira-das-virtudes/#more-3189

Un comentario

  1. Howdy just wanted to give you a quick heads up. The text in your article seem to be running off the screen in Firefox. I’m not sure if this is a format issue or something to do with internet browser compatibility but I thought I’d post to let you know. The design and style look great though! Hope you get the problem resolved soon. Many thanks

Los comentarios están cerrados.