Fiare, máis preto da operativa bancaria completa

A Asemblea da área Fiare reuniuse o sábado 29 de marzo en Barcelona para coñecer os últimos detalles do proceso de integración con Banca Popolare Etica. Máis de 350 persoas asistiron a Cotxeres de Sants para escoitar da man do conselleiro da área Fiare, Peru Sasia, os retos para finalizar o proceso da primeira banca ética cooperativa de ámbito europeo.

Persoas socias da área Fiare escolleron a Cristina de la Cruz como representante da área para a proposta ao Comité de Ética de Banca Popolare Etica que se elixirá na vindeira Asemblea en Nápoles. Os e as participantes tamén coñeceron os detalles da nova operativa bancaria que se estima que entrará en funcionamento no outono, cun servizo de banca online que permitirá axilizar a operativa actual. Durante a Asemblea presentouse a nova imaxe corporativa do banco que se empezará a ver nas próximas semanas.

Durante a tarde do sábado organizáronse talleres para debater diversas cuestións relacionadas coa cooperativa: a análise da propia entidade desde unha perspectiva feminista, as relacións da banca ética coas entidades que traballan co ámbito parabancario, a construción de mercado social e a proxección da entidade a 15 anos vista.

Con delegacións chegadas de todo o estado, a Asemblea estivo precedida por un acto público o pasado venres 28 de marzo onde Ugo Biggeri, presidente de Banca Popolare Etica (BpE), e Peru Sasia, conselleiro da área Fiare reflexionaron sobre os 15 anos de BpE en Italia e os retos conxuntos a escala europea. Sasia e Biggeri estiveron acompañados doutras persoas pertencentes ao Consello de Administración de BpE que se reuniu o mesmo venres en Barcelona.

Finalmente varias cooperativas  explicaron os seus proxectos financiados grazas a Fiare Banca Ética e o porqué da súa aposta por un modelo de banca ética. Convivir, Suara, Peñascal e Sercoval presentaron os seus proxectos cooperativos de transformación social que promoven outro modelo de organización empresarial e unha sociedade baseada na equidade e a xustiza social.

Fonte: http://fiaregz.wordpress.com/2014/04/03/asemblea-da-area-fiare/