Javier Baeza acompañounos esta fin de semana con dúas charlas nas que nos amosou, cunha linguaxe próxima e cálida, unha vida de radical compromiso cos últimos, coas persoas máis oprimidas e marxinadas, coas vítimas deste sistema inxusto e excluínte.
Comezou por lembrarnos, apoiándose nalgúns textos dos evanxeos, a necesidade de recuperar formas de facer e de estar que a miúdo se esquecen cando se pretende acompañar ás persoas en situación de maior vulnerabilidade: a necesidade de facer comunidade, de buscar complicidades, de ‘liarse’ e ‘ligarse’ aos outros e de recuperar o sentido auténtico dunha palabra tan deturpada polas actitudes paternalistas como a compaixón. Insistiu en que a fe debe ser sinónimo de confianza e de esperanza, e só así pode ser o motor das nosas vidas.
Unha idea que remarcou é que durante demasiado tempo se insistira na importancia do ser, e que se esquecera que quizais o primeiro era o estar, onde estamos e con quen, porque ese era o punto de partida para axudar a transformar a nosa realidade.
Javier adicou boa parte das súas palabras á situación de moitas rapazas e rapaces cos que convive acotío, que teñen “moitos lugares onde vivir pero poucos fogares onde estar”. Criticou conceptos clásicos e caducos, porque esconden miradas paternalistas e dirixistas, conceptos como a necesidade de “reeducar”. Pola contra, defendeu que resultan imprescindibles a acollida e o diálogo, o acompañamento e a escoita atenta de quen está acostumado a sentirse invisible na sociedade que o condena a unha marxinalidade para a que parece que non hai saídas.
Insistiu ademais na necesidade de ser moi pacientes e respectuosos ante o que son procesos vitais que requiren tempo para atopar camiños de liberación persoal e colectiva. Puxo varios exemplos de experiencias difíciles, duras, pero tamén enriquecedoras, que lle amosaran a necesidade de manter sempre a esperanza e a fe nas posibilidades de transformarnos e de transformar a nosa realidade inmediata. Pero para iso é preciso partir do vínculo entre persoas. Vincularnos desde as nosas vulnerabilidades nos permite ademais rebaixar as nosas prepotencias e seguridades, nos fai mellores e nos impulsa a camiñar cara adiante.
En definitiva, o primeiro paso é formar grupo, asemblea, comunidade… e a partir de aí fomentar a formación de redes de solidariedade desde as que poder compartir loitas e experiencias. Pero sempre desde o apoio mutuo, visualizando que é posible facer as cousas doutra forma.
Javier rematou lembrando que o feito de preocuparnos polas outras persoas xera solidariedade e, en consecuencia, permite que abrolle a esperanza…