15/02 – Peche de 12 horas polo dereito a vivir dignamente

A Oficina de Dereitos Sociais-Coia, a Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH), o Grupo de Axitación Social (GAS), o Colectivo Imán e a Parroquia Cristo da Victoria convocamos un peche de 12 horas nos baixos de dita parroquia o sábado 15 de febreiro cun dobre obxectivo: compartir unha xornada de convivencia e reflexión, e denunciar publicamente unha vez máis a situación de indefensión na que nos atopamos a cidadanía pola falta de solucións das administracións públicas ante o crecente empobrecemento do que somos vítimas.

Dende as loitas cotiás e comúns destes os nosos colectivos, decidimos que chegou o momento de pecharnos: pecharnos porque nos pechan todas as portas; pecharnos, aínda que pareza paradoxo, para que os responsables políticos e a sociedade toda nos vexan e nos escoiten. Por iso convidamos a todas as persoas que desexedes sumarvos a esta iniciativa a que vos acheguedes o vindeiro sábado de 10:00 a 22:00 horas para reivindicar o noso dereito a vivir dignamente ao tempo que compartimos un espazo privilexiado de encontro coa finalidade de buscar e construír entre todas alternativas xustas e posibles fronte a exclusión e a precariedade que pretenden impoñernos.