A Oficina de Dereitos Sociais de Coia e a Parroquia Cristo da Victoria vimos denunciando dende hai tempo, máis aló da absoluta insuficiencia dos recursos económicos destinados por Concello e Xunta a paliar a grave situación de empobrecemento da cidadanía, o funcionamento arbitrario e inxusto dos Servizos Sociais do Concello de Vigo no tocante ás Axudas de Emerxencia Municipais (AEM), destinadas a persoas ou familias en situación de necesidade social para sufragar gastos persoais, de vivenda, aloxamento, alimentación e atención sanitaria.
No contexto desa denuncia pública, consideramos imprescindible deixar constancia por escrito da realidade de indefensión á que nos enfrontamos con frecuencia as persoas que nos achegamos ás UTS para solicitar unha AEM. Por iso queremos animarvos a que cubrades o modelo de instancia que aquí ofrecemos, por medio do cal cada quen se dirixe ao Alcalde de Vigo informando do seu caso particular e esixíndolle, como primeiro responsable das políticas sociais municipais, a súa inmediata intervención para solucionar o caso exposto, así como que se estableza dunha vez por todas un protocolo que respecte o procedemento administrativo legal e regulamentariamente establecido. Dito protocolo debe garantir a posibilidade de presentar por escrito nas UTS as solicitudes das AEM mediante formulario normalizado conservando unha copia selada, sen que isto supoña demora algunha na tramitación dunha axuda que, por responder a unha situación de emerxencia social, ha de ser inmediata.
A medida que vaiamos entregando as instancias dirixidas ao Alcalde no Rexistro do Concello, remitiremos publicamente copia das mesmas ao Valedor do Cidadán, ao Valedor do Pobo e ao Defensor del Pueblo solicitándolles que interveñan no asunto co obxectivo de que o Concello de Vigo respecte os nosos dereitos como veciñas e veciños desta cidade.
Podedes descargar o modelo pinchando aquí, só hai que enchelo e entregalo no rexistro do concello de Vigo e facernolo saber.