Achegamos o texto: Os cartos de todas para todas! publicado na revista A Boia sobre as axudas de emerxencia do concello de Vigo e o seu nefasto funcionamento para a cidadanía:
O dicimos na rúa, o dicimos con razóns, o dicimos colectivamente e non pararemos ata que os poderes sintan que roubarnos as nosas vivendas, a nosa saúde, a nosa educación, as nosas pensións, os nosos dereitos, as nosas VIDAS… non lles vai ser doado.
Só en Galiza hai máis de 650.000 persoas por baixo do limiar da pobreza, mentres unhas poucas familias acumulan a riqueza de todas de modo insultante. Pero a crúa realidade que vivimos pode ter outra cara se somos quen de aglutinar forzas que traballen arreo pola transformación radical deste sistema asasino.
Para dita transformación hai múltiples ferramentas que poden ser útiles, sen dúbida os orzamentos de Vigo e Galiza son mecanismos moi importantes para corrixir as desigualdades e redistribuír a riqueza.
Os orzamentos non son nin de Núñez Feijóo, nin de Abel Caballero. Son nosos, son das persoas. Por iso defendemos que se dediquen a cubrir as necesidades básicas de todas. Procuramos unha vida austera e digna para todas, e non podemos agardar máis.
Pouco din do que van facer cos nosos cartos, cando algo din amosan o afastados que están da crúa realidade. Dous exemplos:
– Os tempos de agarda pola RISGA superan a legalidade chegando aos 8 ou 9 meses de agarda ou que a contía media de dita prestación por unidade familiar é inferior aos 400€/mes.
– Esta semana o alcalde de Vigo declaraba que presentarán os orzamentos municipais de 2014 «cuando sea más conveniente para la ciudad» . Á cidadanía de Vigo úrxelle saber cantos cartos vai poñer o Concello para, por exemplo, garantir o dereito á vivenda na cidade ou para eliminar a “pobreza enerxética”. As compañías eléctricas e os propietarios das vivendas non agardan para cortar a luz ou tramitar a orde de desafiuzamento.
Porque é urxente, resposta inmediata ás situacións de emerxencia social das familias!
Porque é a súa obriga, incremento significativo do investimento social nos orzamentos!
Porque é de xustiza, respecto aos dereitos sociais de todas as persoas!
ODS-Coia, G.A.S. e Parroquia “Cristo da Victoria” – Coia